Ir o contido principal

Conclúe a II Escola de Verán Internacional ‘Keyword Search in Big Linked Data’

Os gañadores disporán de 3000 euros para realizar unha estancia de investigación no CiTIUS durante os próximos meses. Foto: CiTIUS
Os gañadores disporán de 3000 euros para realizar unha estancia de investigación no CiTIUS durante os próximos meses. Foto: CiTIUS

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS) e a Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE) acolleron o acto de clausura da segunda Escola de Verán Internacional ‘ Keyword search in Big Linked Data’, organizada pola rede de investigación Keystone COST Action no marco do programa europeo Horizonte 2020 e que foi coordinada polo investigador do CiTIUS Xosé Ramón Ríos Viqueira.

O curso, que tivo lugar neste centro entre os días 18 e 22 de xullo, contou coa participación de máis de corenta estudantes de doce nacionalidades diferentes, que asistiron a unha serie de conferencias e obradoiros nos que varios investigadores de máximo prestixio internacional presentaron a súa perspectiva de presente e futuro sobre os sistemas de busca de datos masivos. Ademais, empresas do sector industrial como Hewlett Packard Enterprise e Enxenio tamén ofreceron o seu punto de vista sobre os retos e necesidades aos que se enfrontan na actualidade respecto ao amplio campo da busca masiva de datos.

Entre os temas máis destacados que se abordaron, sobresaíron tópicos como o Big Data, o Linked Data ou o Information Retrieval así como outras liñas de interese emerxente, caso das técnicas de expansión de consultas en sistemas semánticos ou a achega dos sistemas de Intelixencia Colectiva á avaliación de sistemas de busca.

Financiando a investigación
Como elemento diferencial, a Escola finalizou coa celebración dun Hackathon, un obradoiro de programación no que os participantes competiron na creación dos seus propios sistemas de busca relacionados co Big Data. Este obradoiro, desenvolvio grazas ao patrocinio das empresas Enxenio, Everis, Hewlett Packard Enterprise, Microsoft e Televés, concedeu aos gañadores unha achega de 3.000 euros para desenvolver unha estancia de investigación no CiTIUS durante os próximos meses, nos que se unirán ás principais liñas científicas que se desenvolven no centro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.07.2016.