Ir o contido principal

O concurso InvestigArte buscará as mellores imaxes científicas realizadas por investigadores e estudantes de Secundaria, Bacharelato ou Formación Profesional

O concurso InvestigArte buscará as mellores imaxes científicas realizadas por investigadores e estudantes de Secundaria, Bacharelato ou Formación Profesional
O concurso InvestigArte buscará as mellores imaxes científicas realizadas por investigadores e estudantes de Secundaria, Bacharelato ou Formación Profesional
Campus Vida, educaBarrié e IDIS impulsan esta iniciativa que pretende potenciar a visibilidade da ciencia e o seu achegamento á sociedade

Grupos de investigación, así como alumnado de ESO, Bacharelato e Formación Profesional son os destinatarios de InvestigArte, un concurso no que se busca que os/as participantes mostren de xeito visual aspectos científicos e tecnolóxicos. Esta é unha iniciativa que, a través da imaxe, busca explicar ás novas xeracións e á sociedade en xeral o alcance das innovacións científicas e tecnolóxicas asociadas a proxectos de investigación. InvestigArte está impulsado polo Campus de Excelencia Internacional da USC, Campus Vida; educaBarrié (a canle de comunicación coa comunidade educativa da Fundación Barrié); e o Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS). As persoas interesadas poden participar nalgunha das dúas modalidades contempladas, como son Grupos de Investigación, por unha banda, e alumnado de ESO, Bacharelato e FP, por outro. No primeiro caso, os/as investigadores/as poderán presentar as súas propostas nas categorías de ‘Macrofotografía’ (para imaxes de obxectos maiores a un milímetro) e ‘Microfotografía’ (para obxectos menores ou iguais a un milímetro). Na segunda das modalidades, as obras presentadas poderán facelo en formato fotografía, vídeo ou ilustración, sen importar os materiais empregados senón o punto de vista ofrecido. A presentación de propostas pode realizarse ata o día 1 de marzo de 2013. As persoas interesadas poden consultar os detalles das bases do concurso na web deste concurso http://www.investigarte.es/. Esta convocatoria é unha iniciativa que organiza un grupo de investigadores novos que, a través dun concurso científico-visual, buscan dar a coñecer a investigación que se está realizando na actualidade e como esta repercutirá no benestar da poboación. “A ciencia é un alicerce importante para a mellora da calidade de vida das persoas así como para fortalecer a economía dos países”, sinalan os seus promotores. Neste senso, InvestigArte tenta desenvolver novas canles de comunicación na difusión da ciencia, “en tanto que realidade pouco coñecida para o gran público” propiciando o achegamento dos grupos de investigación e os seus resultados á sociedade.

Como apuntan os seus promotores, o concurso traza un vía para facer chegar á cidadanía dun xeito claro e mesmo palpable a significación e o alcance do traballo realizado en laboratorios e centros de investigación, resaltando a relación directa existente entre progreso e ciencia. InvestigArte arrancará este sábado 1 de decembro a través da súa web onde se poderán enviar, consultar ou votar as obras participantes. Tras o ditame dun xurado de expertos en arte e ciencia, realizarase unha exposición das mellores obras artístico-científicas recibidas, tanto de investigadores como de centros educativos, que iniciará un percorrido itinerante por diversas cidades de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.11.2012.