Ir o contido principal

O Concurso de Proxectos Empresariais Innovadoras da USC dará a coñecer este mércores os proxectos gañadores da décimo quinta edición

O Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC pechará este mércores 17 o ciclo da súa décimo quinta edición coa entrega de premios nas modalidades de Base Tecnolóxica, Muller Emprendedora, Empresa Xove e Promoción da Lingua Galega. Os gañadores coñeceranse e recibirán os seus galardóns nun acto que presidirá o reitor Juan Viaño a partir das 11.00 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome. Tamén intervirán a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella; a directora xeral de Traballo e Economía Social, Carmen Bouso Montero; a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes Rey; o director do Programa Uniemprende, Carlos Hernández Sande; e o director do Servizo de Normalización Lingüística, Manuel Núñez Singala. O obxectivo desta convocatoria é impulsar a creación de empresas innovadoras promovidas por estudantado, tituladas e titulados e persoal investigador, así como a innovación empresarial e a xeración de emprego. O xurado outorgou os premios atendendo á viabilidade dos proxectos, ao grao de innovación do produto/proceso/servizo ofertado, ao volume de emprego proxectado, ao carácter multidisplinario do equipo promotor, á presenza de políticas de igualdade e á relación ou interese do proxecto coa lingua galega. Outorgaranse catro premio: un de base tecnolóxica, dotado con 2.000 euros e ata 24.000 euros de financiamento mediante préstamos participativo; un na modalidade de 'Empresa xove' e outro na de Muller emprendedora, dotados con 2.000 euros cada un, e un cuarto na modalidade Promoción da lingua galega, que suporá unha achega económica de 1.000 euros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.06.2015.