O Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC amplía o seu prazo ata o 14 de maio
O prazo para participar no XIV Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores amplíase ata o 14 de maio. A USC, a través do seu programa de creación de empresas Uniemprende, impulsa este concurso co obxectivo de apoiar a creación de empresas innovadoras promovidas por estudantes, titulados/as e/ou investigadores/as de calquera das tres universidades galegas, así como dos centros asociados da Uned emprazados en Galicia, ademais de fomentar a innovación empresarial e a xeración de emprego. As persoas interesadas deben cubrir o formulario en liña xa dispoñible na páxina web http://www.uniemprende.es/. A USC porá á súa disposición formación gratuíta para elaborar o plan de empresa durante o próximo mes de abril. As bases do XIV Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC establecen, do mesmo xeito que na pasada edición, tres modalidades de concurso. Os proxectos galardoados en cada unha das categorías recibirán cadansúa gratificación en metálico por importe de 2.000 euros. Daquela, o autor ou autores/as do proxecto de empresa innovadora distinguido na modalidade de empresa de base tecnolóxica, percibirán un premio de 2.000 euros, ademais de ter a posibilidade de acadar ata 24.000 euros de financiamento a través dun préstamo participativo. Os premios Empresa Xove e Muller Emprendedora tamén contarán nesta edición con cadansúa dotación económica de 2.000 euros.