Ir o contido principal

O concurso de robótica congregou a un cento de escolares de toda Galicia

Celebrado o domingo na Facultade de Veterinaria

Un cento de escolares entre 10 a 16 anos reuníronse este domingo 23 na Facultade de Veterinaria de Lugo para participar na liga Lego de Galicia. O IES Virxe dos Ollos Grandes, clasificouse para a rolda nacional e recibiu o premio á mellor innovación e creatividade no deseño do robot.
O torneo constou de tres probas: a competición robótica cronometrada, a exposición dun proxecto científico (o deste ano tratou sobre ideas de actuación sobre o cambio climático), e a presentación do proxecto técnico , que é o robot.
O máis espectacular do torneo é a competición robótica, na que en 2’30’’, os robots tiveron que levar a cabo múltiples tarefas sen ningún tipo de control remoto, sólo pola súa programación e sensores. As normas pedían que os robots estiveran feitos coas pezas da marca.
Os grupos competiron en dúas categorías. A primeira delas consistiu na presentación dun proxecto de investigación científica: os equipos tiñan que realizar unha procura relacionada coa temática desta edición, dedicada ao cambio climático. Ademais, cada equipo tivo que defender ante un xurado, formado por 3 técnicos, a forma en que deseñaron o robot, o proceso que seguiron, as dificultades que atoparon e como as resolveron. O xurado valora tanto a eficacia do robot como os restantes aspectos do desenvolvemento do proxecto.
A segunda parte da proba consistiu nunha competición contra reloxo de robots: os equipos realizaron cos seus robots o maior número posible das actividades do reto. No evento colaboraron estudantes e profesores do Campus de Lugo e do Instituto Politécnico, así como técnicos do Concello de Lugo que participaron como voluntarios, árbitros e xuíces nas diferentes fases do concurso.
Con esta iniciativa, a USC, xunto co Concello e a Diputación, buscaban incentivar o interese pola ciencia e a tecnoloxía. A First Lego League estivo organizada polo Concello de Lugo e CEI-NODUS, patrocinada pola Deputación Provincial de Lugo, coa colaboración da USC, COETIL Lugo (Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais) e Igaciencia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.11.2008.