Ir o contido principal

Coñécense os resultados do estudo ‘Mocidade on line’ no que colaborou un equipo da USC

O traballo conclúe que as novas tecnoloxías son un fenómeno normalizado entre a mocidade

O reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño, asistiu este mércores na sede do Valedor do Pobo á presentación por parte do valedor do pobo en funcións, José Julio Fernández Rodríguez, dos resultados do estudo ‘Mocidade on line’ que, por primeira vez, permite determinar con precisión os riscos que os adolescentes galegos asumen na súa relación con Internet e no que colaborou a Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da USC (PSICOM), concretamente no deseño e posta en funcionamento dunha plataforma en liña para captar datos reais. Na rolda participaron ademais o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad; e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira. No proxecto participaron de maneira voluntaria máis de 44.000 adolescentes de 255 centros de ensino secundario de Galicia. Os resultados acadados permiten constatar que o uso de Internet entre os adolescentes galegos é un fenómeno absolutamente xeneralizado (o 97,8% utilizan internet de maneira regular) cun 71,2% que se conecta todos os días e algo máis do 13% supera as cinco horas na mesma xornada. O mesmo pode dicirse das redes sociais –o 93% dos adolescentes está rexistrado nalgunha-, do teléfono móbil –a idade media de acceso ao primeiro móbil son os 11,12 anos– e de aplicacións de mensaxería instantánea como o Whatsapp –o 89,2% son usuarios. Riscos O estudo inclúe datos referidos a determinadas prácticas que poderían ser consideras de risco ou potencialmente perigosas e que, nalgúns casos, chegan incluso a constituír motivo de delito, como podería ser o ciberacoso, o sexting e a sextorsión. Chama a atención que un 4% dos enquisados admitiron ter practicado sexting (envío de fotos ou vídeos de contido erótico ou sexual por medio de Internet) e máis do 31% recoñeceu ter contactado con descoñecidos no ciberespacio e nun de cada tres casos quedaron fisicamente coa persoa estraña. Outras prácticas de risco evidencian a existencia de casos puntuais de acoso por medio das novas tecnoloxías entre adolescentes. Así, cerca dun 4% foron ameazados coa publicación de fotos ou vídeos propios sen consentimento; un 9% sentiuse algunha vez ameazado ou humillado a través de internet; e case o 7% recoñecen ter ameazado, acosado ou humillado a outros no ciberespacio. Proxecto pioneiro O proxecto supón un punto e seguido nos traballos que o Valedor do Pobo desenvolve desde 2011 para concienciar da necesidade de vixiar os comportamentos, ás veces arriscados, dos menores para coas tecnoloxías. Desde entón xa colaborou coa Xunta de Galicia e investigadores da USC na elaboración dun informe (o máis completo coñecido ata o de agora) acerca dos hábitos e usos dos mozos para cos sistemas máis recentes e no deseño dun modelo sinxelo de captación de datos para obter con fiabilidade e rigor resultados que permitan fixar índices reais de perigo, ciberdependencia, ciberacoso e usos complicados da rede e os diferentes dispositivos.

A PSICOM da USC fíxose cargo de coordinar e dirixir todas as partes implicadas no proxecto, asistir os técnicos de AMTEGA no deseño da sistema informático e da interface de recollida de datos e actualizar periodicamente o sistema de indicadores.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.09.2014.