Coñécense xa as persoas gañadoras dos IX Premios á calidade lingüística dos traballos fin de grao e mestrado e de proxectos fin de carreira

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC fixo este martes pública a relación de persoas gañadoras dos IX Premios á Calidade Lingüística dos traballos fin de grao e mestrado e de fin de carreira do curso académico 2012-2013. En total, nas modalidades de fin de grao e carreira admitíronse 71 traballos de entre os presentados, mentres que en fin de mestrado o volume foi de 58, o que dá conta do cada vez maior éxito dunha convocatoria que busca premiar o esforzo do estudantado da USC na utilización do galego no ámbito académico. Fin de grao e fin de carreira O xurado acordou, por unanimidade, outorgarlle os premios na modalidade de fin de grao e proxectos de fin de carreira, dotados con 300 euros e diploma acreditativo, ao graduado en Enfermaría Francisco Xosé Román Losada polo traballo ‘Uso de dispositivos móbiles (teléfono intelixente e tablet) nas unidades de hospitalización: oportunidades para o persoal de enfermaría’ na área de Ciencias da saúde; e a ‘Estudo de decaementos do quarck b en LHCb’, da graduada en Física María Vieites Díaz, na área de Ciencias. Xa en Humanidades fíxose co premio a graduada en Historia Ánxela Vázquez Andrade polo traballo ‘As relacións entre Irlanda e Inglaterra na Idade Media: conquista e identidade (Séculos XII-XIV)’, e na de Ciencias Sociais e Xurídicas Helena Figueiras Vázquez, do grao en Administración e Dirección de Empresas, por ‘Elaboración dun plan de empresa: unha aplicación empírica’. Por último, na área de Enxeñaría decidiuse outorgar ex aequo o premio a ‘Mellora da correlación entre pares estereoscópicos do satélite IKONOS para a xeración de modelos dixitais de elevacións’ de Lucía Denniss Fernández Rodríguez, da Enxeñaría Técnica en Topografía, e a ‘ Desenvolvemento dunha libraría Java para a codificación e descodificación de mensaxes BURF’, da graduada en Enxeñaría Informática Olalla Galiñanes Feijoo. Fin de mestrado Os premios á calidade lingüística na modalidade dos traballos de fin de mestrado, dotados con 500 euros e diploma acreditativo, recaeron en Ruth Rodríguez Bermúdez, do mestrado en investigación en Medicina e sanidade veterinaria, por ‘Situación actual das razas leiteiras en granxas ecolóxicas no norte de España’ na área de Ciencias da Saúde. Na área de Enxeñaría o premio foi para ‘Eliminación de cinc e níquel de disolucións acuosas mediante xeles de taninos de casca de piñeiro’, de Roberto Rodríguez Páramo, do mestrado en Enxeñaría Ambiental; mentres que Larisa Rozados Lorenzo, do mestrado en Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e a Cultura, levou o pirmio na área de Humanidades por ‘Performatividade na poesía galega contemporánea: O caso de Xiana Arias’. En Ciencias Sociais e Xurídicas gañou ‘O ensino dun pasado traumático: o caso da violencia franquista na educación secundaria en perspectiva comparada’, de Concepción López Sánchez, do mestrado en Formación do profesorado. Por último, na área de Ciencias o premio recaeu ex aequo en Cristina Vidal Castiñeira, do mestrado en Matemáticas, por ‘Hipersuperficies reais con dúas curvaturas principais nos planos proxectivo e hiperbólico complexos’ e en Irene Lema Suárez, do mestrado en Biodiversidade e Conservación do Medio Natural, por ‘Aplicación de diferentes métodos de análise na valoración do estado de conservación das poboacións Spiranthes spiralis(l.) Chevall (Orchidacecae) no NW da península ibérica’. O xurado estivo formado polo director do SNL da USC, Manuel Núñez Singala; os técnicos e técnicas do servizo Xusto A. Rodríguez Río, Manuel Bermúdez Blanco e Isabel Vaquero Quintela; e a do SNL do Concello de Santiago, Socorro García Conde.