Ir o contido principal

A conectividade permite manter as aulas activas alén do Covid-19

Unha persoa, no seu portátil. Foto: Santi Alvite
Unha persoa, no seu portátil. Foto: Santi Alvite
A USC triplica a capacidade do seu Campus Virtual e implementa novas ferramentas e aplicacións que permiten continuar coa actividade académica de xeito non presencial
Lugo, Santiago de Compostela

A incidencia de Covid-19 ten baleirado os campus universitarios, pero non ten sido quen de deter a actividade académica na USC alén da parálise inicial. A suspensión temporal das prácticas sanitarias e, de seguido, da docencia presencial, actuaron como antesala dun estado de alarma que, ademais de limitar a capacidade de mobilidade e desprazamento das persoas, truncaron o desenvolvemento cotiá da modalidade académica presencial que rexe na USC. Aínda así, estudantes e docentes, conectados xa de antemán a través do Campus Virtual, atopan agora nas ferramentas e aplicacións tecnolóxicas dispoñibles en rede unha pasarela acaída para sortear as limitacións da actual conxuntura. Esta conectividade supón, sempre que vaia acompañada da imprescindible disciplina individual, unha oportunidade para completar con éxito un ano académico afectado de xeito excepcional e singular por un problema de saúde pública con nome de virus.

A docencia presencial é o modelo imperante ao longo da historia da USC, que non vai mudar agora de método, sinala a vicerreitora de Organización Académica, Celia Besteiro, quen, non obstante, engadiu que as aulas presenciais atopan nas múltiples prestacións que ofrecen as diversas ferramentas virtuais dispoñibles en liña un complemento para avanzar no proceso ensinanza-aprendizaxe, ao tempo que constitúen o mellor aliado para que estudantes e docentes completen con éxito as súas obrigas e acaden un rendemento satisfactorio. O obxectivo último das medidas adoptadas pola USC é o de adaptar, na medida do posible, as actividades docentes ao escenario no presencial, tendo en conta todas as limitacións de equipamento e conexión que tanto alumnado como profesorado poden ter nas súas casas.

A irrupción do Covid-19, cuxos efectos están a modificar, cando menos de xeito temporal, o status quo vixente, levou á USC a implementar coa maior celeridade posible diversas ferramentas virtuais aptas para a teleformación en aras a minimizar así a merma de aproveitamento académico propiciada polo peche das aulas. Besteiro lembrou neste senso que se ben a USC contempla desde hai anos estas modalidades de formación no presencial, a urxencia da súa implantación por mor do estado de alarma requiriu que a Xerencia habilitara unha partida orzamentaria específica destinada a costear a ampliación da capacidade do Campus Virtual da USC e as novas ferramentas virtuais. A medida demandou, ao tempo, unha carga de traballo engadida para o persoal da Área TIC e do Centro de Tecnoloxías da Aprendizaxe (CeTA) da USC, e esixe o desenvolvemento dunha normativa de formación semipresencial.

Á marxe destes condicionantes técnicos e da disposición de novas ferramentas e aplicacións tecnolóxicas, Besteiro referiuse ao Campus Virtual da USC, cuxa capacidade de almacenamento se triplicou ao pasar de 1,5 TB a 5 TB, como un precedente de  máxima importancia para afrontar o tránsito da docencia presencial á non presencial. A comunidade universitaria, tanto o PDI como o alumnado e incluso o PAS, xa está familiarizada co Campus Virtual e co manexo dun entorno en liña que, ademais de actuar como repositorio de material, permite o intercambio de documentos, programación e supervisión de tarefas..., favorece a relación docente-alumno sen a presencia física, relatou Besteiro

A vicerreitora de Organización Académica da USC salientou asemade que, alén das singularidades de cada materia e dos criterios e prioridades de cada docente, o Campus Virtual da USC constitúe un entorno en liña apto para favorecer a docencia non presencial de calquera tipo de contidos. As prestacións ofrecidas na actualidade son agora maiores coa posta en marcha dun cuarto nodo, subliñou Besteiro, ao tempo que indicou que este novo pulo á teleformación permite aos membros da USC facer uso de ferramentas e aplicacións sinxelas como Microsoft Teams, coas que é moi doado manter salas de traballo virtuais, a xeito de videoconferencia, con varias persoas á vez.

Os novos recursos habilitados pola USC a prol da formación non presencial terán continuidade no tempo, aínda que en función da maior ou menor duración do actual confinamento, pode implicar a revisión das actuais guías docentes, sinalou Besteiro, que tamén adiantou a próxima organización de xornadas formativas, ademais da difusión de vídeos titoriais accesibles na canle de YouTube da USC para favorecer o uso destas novas ferramentas.

Humanidades, un centro pioneiro

A Facultade de Humanidades do Campus de Lugo ocupa unha posición destacada no seo da USC non que a procedementos de formación non presencial se refire. De feito, o Máster en Servizos Culturais, un título coordinado pola profesora Carme Silva e implantado neste centro tanto na súa modalidade presencial como non presencial, é un exemplo da viabilidade e do éxito desta modalidade de formación.

Apoiados na plataforma Moodle, da que dispón a USC, estudantes e docentes do Máster en Servizos Culturais, fan uso dos recursos que a plataforma pon ao seu alcance e que van desde as funcións de repositorio ou almacén de contidos e temas sobre os que se traballa, programación de tarefas e probas, aplicacións que permiten controlar que efectivamente o alumno/a traballa, facer corrección en liña... A plataforma tecnolóxica tamén ofrece ferramentas de conversa (chat) para comunicar co estudantado de xeito e colectivo e tamén de forma individual, titorías virtuais individuais co Skype empresarial, que vai ligado ao enderezo electrónico, e salas de traballo grupais co Teams, que se antolla como unha ferramenta para facer aulas en grupo.

Parte dos docentes implicados no Máster en Servizos Culturais gravan a súas clases na aula e-Terra da Facultade, que logo están accesibles en entorno virtual e, como novidade para o próximo curso a pretensión da coordinadora deste posgrao da USC pasa por ofrecer aulas en streaming, o que permitirá ao alumnado non presente seguir a distancia e a través dunha pantalla a explicación do profesorado en tempo real.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.03.2020.