Ir o contido principal

A Conferencia de Directores de Enxeñaría Civil de España salienta “o gran traballo” que se fai desde Lugo no ámbito da profesión

Participantes e público asistente á xornada de portas abertas previa á Confernecia de Directores de Enxeñaría Civil de España
Participantes e público asistente á xornada de portas abertas previa á Confernecia de Directores de Enxeñaría Civil de España
O grao en Enxeñaría Civil é un piar esencial para a transversalidade do Campus Terra da USC, afirma a vicerreitora Montserrat Valcárcel

A Conferencia de Directores/as de centros universitarios de España nos que se imparten titulacións de Enxeñaría Civil botou a andar este venres na Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, cun recoñecemento público por parte do Colexio de Enxeñeiros de Obras Públicas e Enxeñeiros Civís de España do “gran traballo” que se está a facer no ámbito da enxeñaría civil desde o campus de Lugo, unha sede universitaria que, a través do proxecto Campus Terra, avanza cara a súa especialización no ordenamento e na produción do territorio, e para o que a Enxeñaría Civil resulta un piar esencial para a súa transversalidade, segundo afirmou a vicerreitora Montserrat Valcárcel.

A presenza en Lugo de representantes de catorce centros universitarios de toda España nos que se imparten estudos de Enxeñaría Civil, así como dos máximos representantes do seu colexio profesional dá boa conta da “vitalidade desta titulación”, asegurou o director da EPS de Enxeñaría de Lugo, Tomás Cuesta, para logo referirse tamén á dimensión social e económica asociada ao cometido laboral dos profesionais técnicos que desenvolven o seu cometido neste ámbito.

A dimensión social, tanto no que atinxe á vertebración dos territorios como á equiparación de oportunidades entre todas as persoas, a expensas do lugar no que residan, foron outros dos aspectos sobre os que fixeron fincapé tanto a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, como a deputada provincial Sonsoles López Izquierdo, na sesión inaugural da Conferencia de Directores de Enxeñaría Civil, un acto no que a xefa territorial de Política Social da Xunta en Lugo, Cristina Abades, lembrou a pegada que mantén a enxeñaría en Lugo desde a época romana, para logo recordar as crecrentes partidas orzamentarias que está a inverter a Xunta de Galicia na mellora de infraestruturas e novas dotacións na provincia de Lugo.

Programa de relatorios

O enxeñeiro xefe de Área de Planeamento, Proxectos e Obras do Ministerio de Fomento, Fernando Pedrazo Majárrez, abriu a quenda de relatorios da Conferencia de Directores de Enxeñaría Civil cunha intervención desenvolvida baixo o título ‘As pontes singulares; grandes retos para a enxeñaría’. De seguido, a presidenta do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) do Ministerio de Fomento, Isabel Pardo de Vera Posada, tratou neste foro sobre as liñas estratéxicas na planificación de grandes infraestruturas ferroviarias.

Esta xornada arredor da enxeñaría civil chegou ao seu remate coa celebración dunha mesa de debate na que interviñeron, entre outros, o presidente do Colexio de Enxeñeiros Técnicos de Obras Públicas e Enxeñeiros Civís, Carlos Dueñas Abellán, así como o decano da zona colexial de Galicia, José Fernández Parajes. Nas súas intervencións, estes relatores abordaron cuestións relacionados co título de grao en Enxeñaría Civil, ao tempo que afondará sobre a situación actual da profesión.

Conferencia de directores

A reunión dos responsables académicos dos centros universitarios de España nos que se imparten títulos de Enxeñaría Civil terá continuidade este sábado sábado 2 de febreiro, a partir das 10.00 horas, nas dependencias da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo. De feito, os participantes nesta conferencia de directores de Enxeñaría Civil, un órgano que se reúne por vez primeira en Lugo tras o encontro celebrado o pasado outono en Cáceres e na que tamén intervirán representantes do colexio profesional, aproveitarán este encontro para abordar diversos temas de interese tanto estritamente académicos como relacionados coa profesión.

A mobilidade de estudantes de titulacións de grao en Enxeñaría Civil entre os distintos centros e universidades españolas, a adaptación dos actuais plans de estudo ás novas necesidades xa existentes na actualidade, os bacharelatos STEM, a difusión e promoción da titulación de Enxeñaría Civil... serán algúns dos asuntos a tratar no marco desta conferencia de directores de Enxeñaría Civil, un evento promovido pola USC en colaboración co Citopic, Concello de Lugo, Deputación Provincial de Lugo e Caixa Rural Galega.

De esquerda a dereita, Sánchez, Dueñas, Abades, Méndez, Valcárcel, López e Cuesta, na apertura da Conferencia de Directores de Enxeñaría Civil de España

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.02.2019.