Ir o contido principal

A Conferencia de Reitores destaca unha vacina desenvolvida en Veterinaria entre as mellores innovacións universitarias

O profesor Jorge Blanco, á esquerda, con parte do seu equipo de investigación no Laboratorio de Referencia de E. Coli que dirixe
O profesor Jorge Blanco, á esquerda, con parte do seu equipo de investigación no Laboratorio de Referencia de E. Coli que dirixe

A vacina COLIDEX-C para combater a colibacilose en leitóns foi seleccionada nunha publicación da RedOTRI e a Conferencia de Reitores de Universidades Españolas entre os casos de maior éxito de investigación universitaria. O primeiro catálogo Inovacións Universitarias, que nace con carácter continuador, recolle 23 casos de investigación universitaria –un por institución- nos que se tivese chegado ao mercado con novos produtos ou servizos. A secretaria de RedOtri seleccionou as que considerou con mais potencial exemplificador, entre elas a vacina desenvolvida na USC que é líder de vendas no seu segmento. Nova vacina Unha das enfermidades más frecuentes que afecta ao ganado porcino é a colibacilose, causada pola bacteria Escherichia coli que se atopa no intestino e que en individuos sans axuda á absorción de nutrientes como parte que é da flora intestinal. Sen embargo, cando adquire determinados elementos xenéticos provoca esa enfermidade ocasionando importantes perdas económicas nas explotacións gandeiras. No Laboratorio de Referencia de E. Coli da Universidade de Santiago de Compostela os investigadores Enrique González, Jorge Blanco e Miguel Blanco identificaron os serotipos desa bacteria que afectan especificamente aos leitóns do gando porcino español, comprobando a súa influencia na orixe e evolución da enfermidade. En base a estes resultados desenvolveron unha nova vacina, a COLIDEX-C, eficaz contra a maioría das diarreas desde o nacemento do animal ata o posdestete, sendo a única no mundo que incorpora unha sustancia, o antíxeno 18, que os fai inmunes. A orixe desta innovación sitúase nos diferentes proxectos de colaboración entre o Laboratorio de Referencia de E. Coli e a empresa CZ Veterinaria S.A., con quen en 2005 a USC asinou –xunto con FARCO Veterinaria S.A.- un contrato de licenza de explotación de resultados para fabricar e comercializar a vacina, que finalmente saíu ao mercado en 2006. Desde o seu lanzamento COLIDEX-C creceu espectacularmente en vendas e na actualidade supón a terceira parte da facturación total de vacinas no mercado de colibacilose.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.11.2011.