Ir o contido principal

Unha conferencia da semana da Ciencia analiza a astronomía do século XXI

Cursiños para xornalistas, xornadas de portas abertas e astronomía para nenos, parte das actividades do Observatorio Astronómico da USC

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC inicia este xoves, día 8, a súa participación na Semana da Ciencia 2007 coa organización da conferencia ‘A astronomía do século XXI’ a cargo do profesor de investigación do Instituto de Física de Cantabria (CSIC), Xavier Barcons Jáureguir. A intervención terá lugar ás 19:00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas.
Está previsto tamén a organización dunhas xornadas de portas abertas do Observatorio, a celebrar os días 13 e 14 de novembro en horario de 19:00 a 21:00 horas e os días 9, 10, 16 e 17 en horario de 19 a 24 horas. No caso de colectivos e asociacións é preciso solicitar cita previa no enderezo oadoco [at] usc.es (oadoco[at]usc[dot]es).
Finalmente organizaranse dous cursos, o primeiro titulado ‘Aprender (algo de) astronomía en cinco días’ dirixido ao público xeral, e outro sobre astronomía para profesionais dos medios de comunicación. En ambos os dous casos, a carga lectiva é de oito horas, cinco de teoría e tres de observación, que se repartirán entre os días 12 e 16 en horario de tarde. As persoas interesadas en participar nestes dous cursos poden solicitar máis información no mesmo Observatorio en horario de 13 a 14 horas ou de 19 a 20 horas así como no anterior enderezo electrónico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.11.2007.