Ir o contido principal

Conferencia o venres en Cee sobre as algas como fertilizante na agricultura

Xornadas de divulgación ‘A conservación do Medio Natural, tarefa común’

A profesora de Produción Vexetal e directora do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) da Universidade de Santiago de Compostela, Elvira López Mosquera, e a doutoranda Marta Illera Vives participarán nas xornadas A conservación do medio natural, tarefa común o venres 24 en Cee co tema As algas como fertilizante en agricultura, que desenvolverán en dúas sesións, moderadas pola xornalista da USC Noa Díaz Varela. A primeira das sesións será ás 13.00 horas no salón de actos do IES Fernando Blanco, e estará dirixida aos estudantes dos IES Agra de Raíces e Fernando Blanco. Pola tarde, ás 20.00 horas no salón de actos da Casa do Concello (rúa Domingo Antonio de Andrade s/n), celebrarase outra sesión aberta á participación de todos os cidadáns interesados. As xornadas de divulgación A conservación do medio natural, tarefa común, organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela e patrocinadas por Turismo de Galicia, a través do programa do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela, comezaron no mes de setembro e desenvólvense ata finais de novembro en 20 concellos de 20 comarcas de Galicia, en sesións de mañá e de tarde. Nelas participan docentes e investigadores de áreas do saber relacionadas coa temática de cada día, prestando especial atención a cuestións ambientais de interese xeral e relacionadas coa comarca na que se celebra cada conferencia.

Na provincia da Coruña xa estiveron en Ribeira e Padrón cos temas ‘A biodiversidade da plataforma e cantil de Galicia: uns fondos excepcionais necesitados de medidas de Conservación’ e ‘ A biotecnoloxía aplicada á conservación das plantas ameazadas’, respectivamente. Despois de Cee estarán en Negreira (5 de novembro), Pontedeume (12 de novembro) e Melide (19 de novembro).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.10.2014.