Ir o contido principal

Un congreso en abril estudará os retos aos que se enfronta o Dereito do Traballo diante das novas fórmulas laborais xurdidas das TIC

O xurdimento de novas formas de traballar derivadas dos avances tecnolóxicos supón unha serie de retos para o clásico Dereito do Traballo, sobre todo a efectos de poder dar adecuada resposta á inxente cantidade de problemas xurídicos que poden derivar destes profundos cambios sociais, tecnolóxicos e laborais. Para valorar estas emerxentes formas de traballar, a USC, a Asociación Española de Dereito do Traballo (AEDTSS) e a Asociación Internacional para o Estudo Internacional e Comparado do Dereito do Traballo e das Relacións Industriais (ADAPT) organizan para os días 14 e 15 de abril na USC un congreso internacional no que compararán a casuística de Reino Unido, Francia, Alemaña, Italia, Polonia, Arxentina e España.

O irrefrenable avance das novas tecnoloxías da comunicación e a informática, xunto coa cada vez maior superación do modelo produtivo do traballo presencial, fai xurdir un abano de novas formas de traballar máis flexibles, dinámicas e atractivas, reinventando os límites tradicionais do espazo e tempo de traballo así como dos conceptos clásicos da propia relación laboral e empresa, explican os organizadores.

Pouco a pouco, enganed, termos ata hai uns anos descoñecidos como ‘sharing economy’ (crowd employment, digital platform employment, collaborative employment) ou “uberización” do traballo vólvense cada vez más familiares. Ademais, xunto a esas novas formas de traballo colectivo emerxen outras que se adaptan mellor ao novo emprendedor individual dixital, como o ICT mobile work, casual work, voucher based work ou o portafolio work.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.04.2016.