O Congreso ‘Astronomía nas rutas Xacobeas’ prosegue a súa actividade en agosto

Dentro das actividades do congreso público ‘Astronomía nas rutas xacobeas’, o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC desenvolverá a comezos da vindeira semana dúas xornadas na cidade de León e en Nájera (A Rioxa), incluíno charla de presentación e sesións de observación nocturna en cada unha delas. Este congreso desenvólvese en diferentes localidades galega e fóra de Galicia. Padrón, Boqueixón (Pico Sacro), Rianxo, Teo, Lalín, Allariz, O Barco de Valdeorras son algunhas das localizacións onde xa se ten celebrado esta actividade de divulgación astronómica e a onde volverá ao longo deste mes, engadindo encontros en Santa Comba, Ribadeo e Noia. Máis adiante, como explica o director do Observatorio José Ángel Docobo, están previstas sesións deste congreso en Monforte de Lemos, Vedra e en Santiago de Compostela, sen excluír outros lugares que se irán anunciando coa suficiente antelación.
Como lembra o profesor Docobo, a pesar das especiais condicións derivadas da incidencia da Covid-19, todas as sesións celébranse cumprindo as máis estritas normas sanitarias en vigor, polo que recomenda informarse en cada localidade das prazas dispoñibles.
Nestas sesións, as conferencias impartidas achegan información de interese sobre a relación da Vía Láctea co Camiño, as novidade no campo de investigación dos exoplanetas, os bólidos e meteoritos e, en particular, toda a información sobre a famosa choiva de estrelas de agosto, as Perseidas. En canto aos obxectos a observar tanto a simple vista como por medio de telescopios, quen se achegue a estas xornadas pode contemplar nas primeiras horas da noite os planetas Xúpiter e Saturno. Como explica o profesor Docobo, “resulta tamén de moito interese o visionado de estrelas dobres, cúmulos estelares e nebulosas, ademais da Lúa cando está en crecente”. Nas noites dos dias 11 e 12, “as Perseidas serán loxicamente o centro de atención”.
As Perseidas
Aínda que os meteoros desta choiva de estrelas poden observarse esporadicamente a simple vista dende mediados de xullo ata finais de agosto, “nos últimos anos a máxima intensidade adoita rexistrarse entre os día 12 e 13 de agosto”, aclara o astrónomo. Como el mesmo engade, a fase na que se atope a Lúa estes días, aparte loxicamente das condicións meteorolóxicas locais, xoga un papel fundamental para o visionado desta choiva.
En particular este ano “teremos a Lúa en minguante o cal non vai ser un inconveniente cando menos nas primeiras horas da noite”. Non obstante, dado que o máximo de actividade das Perseidas este ano “está previsto para o mediodía do día 12, o mais aconsellable é tentar ver os meteoros tanto na noite do 11 ao 12 como na do 12 ao 13, probablemente mellor nesta última”. Para isto será necesario estar nun lugar axeitado con mínima contaminación lumínica polo que compre ter en conta que moitas Perseidas son suficientemente febles para ser afectadas pola luz artificial.
Docobo explica ademais que o nome de Perseidas que recibe esta "choiva de estrelas" débese a que aparentemente parecen vir da constelación de Perseo, a cal sae en Galicia a medianoite cara o NE. Estes meteoros son coñecidos dende a antigüidade pero non foi ata o século XIX cando o astrónomo italiano Giovanni Schiaparelli advertiu da súa relación co paso do cometa 109P/Swift- Tuttle, que fora descuberto uns anos antes por Lewis Swift e Horace Parnell Tuttle en Estados Unidos.