Ir o contido principal

Un congreso en Filoloxía sobre poesía en Grecia e Roma homenaxea esta semana o profesor Moralejo

Un congreso en Filoloxía sobre poesía en Grecia e Roma homenaxea esta semana o profesor Moralejo
Un congreso en Filoloxía sobre poesía en Grecia e Roma homenaxea esta semana o profesor Moralejo

Este xoves inaugúrase na Facultade de Filoloxía o Congreso ‘Lingua poética e relixión en Grecia e Roma’, organizado polo Grupo de Investigación de Filoloxía Clásica da Universidade de Santiago e dedicado á memoria do profesor Moralejo, falecido inesperadamente o pasado venres, que contribuíu a organizalo e que ía introducir un dos relatorios. A apertura será ás 9.30 horas coa asistencia do vicedecano da Facultade, Javier Gutiérrez Carou, e da directora do Departamento de Latín e Grego, Helena de Carlos. Está prevista a participación de cincuenta especialistas de todo o mundo, sobre todo de Estados Unidos (Princeton, Harvard, Chicago ou Virxinia) pero tamén de Canadá, Gran Bretaña, Italia, Alemaña, Bélxica, Portugal, Turquía, Israel e Taiwan, que, ademais dos catro relatorios principais previstos, participarán con numerosas comunicacións. No congreso analizarase a lingua poética da tradición grega e romana antiga, en canto herdeira dunha poesía que ten as súas raíces na relixión orixinaria dos pobos que, da India a Europa, compartían orixes lingüísticos. Neste contexto sitúase a primeira conferencia, do catedrático de Lingüística Indoeuropea da Universidade de Colonia (Alemaña), José Luis García Ramón, titulada ‘ Onomástica relixiosa en Grecia e Italia e lingua poética indoeuropea’. Pola súa parte, Manuel García Teijeiro, da Universidade de Valladolid, abordará noutro relatorio na tarde do xoves as tradicións que neses pobos do pasado xustificaban que os deuses e os fantasmas empregasen unha linguaxe distinta da dos humanos correntes. Xa o venres, referido especialmente a Grecia é o relatorio de Emilio Suárez de la Torre, da Universidade Pompeu Fabra, sobre interrelación de poesía e ritual, mentres que Alex Hardie, da Universidade de Edimburgo, falará sobre unhas pouco coñecidas deusas romanas, as Camenas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.05.2012.