Ir o contido principal

O I Congreso Galego da Mocidade Investigadora celebrarase na Facultade de Matemáticas da USC coa participación de 150 novos investigadores das tres universidades galegas

O I Congreso Galego da Mocidade Investigadora celebrarase na Facultade de Matemáticas da USC este xoves 25 e o venres 26 coa participación de preto de 150 novos investigadores pertencentes a máis de 30 departamentos das universidades galegas para discutir o futuro da súa profesión e analizar a situación da investigación en Galicia.
O congreso é o primeiro evento destas características en todo o Estado, o que permitirá debuxar unha mapa sobre a situación dos novos investigadores en Galicia, servindo tamén para normalizar o uso do galego neste ámbito, pois todas as comunicacións están nesta lingua. Adicionalmente, contouse coa presenza de investigadores de Italia, Brasil, Angola e Portugal, con vistas á preparación dunha gran reunión internacional de mozos e mozas investigadoras prevista para o próximo ano.
Logo do acto de apertura ás 10:00 horas co director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, e o decano da Facultade de Matemáticas, Juan Viaño, será Jorge Pérez Maceira, voceiro de Precarios Galicia, o responsable da conferencia de apertura titulada “Da investigación profesional á investigación como profesión”, na que exporá a actual situación dos investigadores en Galicia, examinando as máis recentes medidas que se veñen implementando neste ámbito. Deseguido, o director xeral de I+D+i, Salustiano Mato de la Iglesia, defenderá e presentará os proxectos do seu Departamento. Aínda durante a mañá, os promotores do evento presentarán a comisión constitutiva da Sociedade Galega para a Iniciación Científica, que se responsabilizará das futuras edicións do Congreso.
Durante as restantes sesións, presentaranse e debateranse máis de oitenta comunicacións, articuladas segundo as áreas de ciencias experimentais, ciencias sociais e ciencias humanas, que dan boa mostra dos proxectos que están a desenvolver os novos investigadores nas universidades galegas, e que foron recollidos no volume Mocidade investigadora galega, que suma máis de 700 páxinas.
O encontro, organizado polo Instituto Galego de Estudos de Seguranza Internacional e da Paz (Igesip) en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, recibiu tamén o apoio da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación e da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Para acadar máis información sobre o encontro, as persoas interesadas poden dirixirse á web http://www.mocidadeinvestigadora.net/.
O IGESIPO Instituto Galego de Estudos de Seguranza Internacional e da Paz (IGESIP) é unha entidade sen ánimo lucrativo de ámbito galego que naceu co fin de levar a cabo investigacións interdisciplinarias nos ámbitos da seguranza internacional, a paz, a defensa e a resolución de conflitos así como accións de cooperación para o desenvolvemento naqueles países máis afectados polos conflitos armados. O Instituto busca así a difusión e afondamento nunha área tan extensa e pouco desenvolvida en Galicia como é a dos estudos sobre a paz e a guerra no campo internacional, sempre desde unha orientación aberta e plural.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.10.2007.