Ir o contido principal

O congreso Innovatia 8.3 reflexiona en Compostela sobre as posibilidades do emprendemento feminino

Esta é unha iniciativa da USC e o Instituto da Muller

O Congreso Innovatia 8.3 promove o emprendemento feminino no ámbito universitario ao longo de dúas xornadas, os días 12 e 13, promovido polo Instituto da Muller e a USC. Na súa definición, o congreso concíbese como o lugar de encontro das universidades españolas implicadas na transferencia do coñecemento e a tecnoloxía dende a investigación á sociedade a través da creación de empresas de base tecnolóxica. Celebrarase na Universidade compostelá por ser sede do programa de apoio ao emprendemento feminino Woman Emprende. O reitor Juan Casares presidirá a sesión inaugural este xoves 12 nun acto ás 10.00 horas no Salón de Actos do CITIUS (Campus Vida), no que tamén intervirán a directora xeral do Instituto da Muller e da Dirección Xeral de Igualdade de Oportunidades, Carmen Plaza, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella. A continuación, Celia Sánchez-Ramos, da Universidade Complutense de Madrid, pronunciará a conferencia inaugural, titulada ‘A innovación unha excelente ferramenta na saúde visual’. Eva López Barrio, do programa Woman Emprende da USC presentará a partir das 11.00 horas os procedementos de traballo de Innovatio 8.3 para o apoio do emprendemento. Seguiralle a presentación dos programas considerados pioneiros en emprendemento como son Innova, da Universidade Politécnica de Cataluña, o Instituto de Ideas da Universidade Politécnica de Valencia; e o propio proxecto Innovatia 8.3 da USC. A sesión matinal rematará coa testemuña de diversas spin-off universitarias españolas, como son Galchimia, da USC; Biprocel, da UPC; ou Titania, da UPV; e a presentación da rede Innovatia 8.3. Pola tarde, as distintas intervencións programadas traen a Compostela a opinión experta de Women CEO, Mujeres & Cia e da Asociación Executivas de Galicia que se completará cunha quenda de intervencións agrupadas baixo o lema ‘Emprendemento feminino internacional: Boas prácticas en Europa e América’. Neste congreso presentaranse a metodoloxía e os procedementos de traballo que poderán empregar todas as universidades que desexen facer un asesoramento neutro e intregral na creación de empresas de base tecnolóxica. Segundo explican os seus promotores, son procedementos novedosos que definen todos os pasos que hai que seguir para acompañar ao emprendemento universitario en cada unha das súas fases e que facilitan ás universidades que os empreguen un asesoramento neutro e integral nos seus servizos de apoio. A filosofía que aglutina este traballo é incrementar o número de vocacións empresariais femininas, de xeito acorde coas cotas de participación das mulleres na universidade española. Ademais, o programa da USC Woman Emprende presentará a primeira guía de creación de empresas especificamente deseñada para dar apoio ao emprendemento feminino de base tecnolóxica e compartirá con todos os/as asistentes os procedementos de traballo conducentes á creación dunha spin off universitaria promovida por mulleres. Este é unha acción formativa de inscrición gratuíta da que se pode atopar máis información na web www.womanemprende.org.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.12.2013.