O congreso Innovatia 8.3 reuniu nunha mesa de debate ás reitoras das universidades públicas de España

A USC e o Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades (IMIO), co apoio da CRUE, conseguiron este martes sentar por vez primeira a todas as reitoras das universidades públicas españolas nunha mesa que moderou o reitor da USC, Juan Viaño. Nese debate reforzaron a mensaxe da necesidade de que as universidades teñan entre as súas prioridades a igualdade, e que incorporen os principios da perspectiva de xénero na transferencia do coñecemento e a investigación á sociedade.
O encontro tivo lugar no transcurso do Congreso Innovatia 8.3 que se desenvolveu en Madrid co lema ‘ Emprendemento feminino de base tecnolóxica’ e no que se presentou o Manual de Procedementos, primeira e única ferramenta creada para que as universidades e centros de investigación apliquen a perspectiva de xénero nos seus procesos de transferencia para que así redunde nun maior número de empresas de base tecnolóxica promovidas por mulleres.
Elena Canetti, de Inveniam Group, foi a encargada de inaugurar o encontro cunha conferencia na que sinalou como a xeración do coñecemento universitario sufre segregación de sexo, que se incrementa nos procesos de transferencia e se acentúa aínda máis na creación de empresas de base tecnolóxica. Na súa intervención mostrou o caso de Israel en relación a cuestións relacionadas coa transferencia de tecnoloxía, ecosistemas emprendedores e a presenza de mulleres nestes.
Pola súa banda, a necesidade de programas específicos de apoio ás mulleres en diferentes ámbitos universitarios foi unha demanda das representantes de diferentes universidades e organismos que participaron nunha mesa redonda na que explicaron como fomentar o emprendemento e a capacidade empresarial das mulleres nos sectores científico e tecnolóxicos das universidades co fin de eliminar a brecha de xénero existente.
Xa pola tarde, o IMIO e a USC presentaron a Rede Innovatia 8.3 das universidades públicas españolas que traballan conxuntamente temas relacionados con emprendemento feminino de base tecnolóxica. Á vez, presentouse o catálogo ‘Emprendedoras universitarias. Una potencia en el siglo XXI’, que recolle exemplos de mulleres que co seu aval científico se puxeron á fronte de proxectos empresariais de base tecnolóxica, en sectores punteiros internacionalmente, creando emprego de alto valor engadido e transformando o modelo empresarial estatal centrándoo na sociedade do coñecemento.