Ir o contido principal

Un congreso internacional analizará as guerras e os conflitos sociais na literatura e a arte

O Instituto de Ciencias da Educación (ICE) da USC e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades desenvolverán a mediados de xuño en Santiago o congreso internacional ‘Guerras e Conflitos sociais de onte e hoxe (Literatura e arte)’, no que se darán cita especialistas de todo o mundo para analizar como a literatura e as manifestacións artísticas teñen retratado os conflitos bélicos ao longo da historia. O encontro enmárcase no proxecto de investigación ‘Tematoloxía e métodos. As guerras na narrativa xuvenil no Marco Ibérico’.

As propostas de comunicacións para o congreso deberán partir da Literatura Infantil e Xuvenil e das representacións artísticas arredor de varias liñas de investigación, como as guerras reais e ficcionais, as guerras na narrativa infantil e xuvenil, os conflitos sociais, a educación literaria e artística, os movementos migratorios, identidade e alteridade ou a representación feminina e os seus roles nos conflitos, entre outras. As persoas interesadas en presentar unha comunicación a calquera destes paneis deberán enviala antes do 10 de abril. Quen unicamente desexe asistir terá que inscribirse antes do 31 de maio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.03.2016.