Ir o contido principal

O Congreso Internacional de Cirurxía para Estudantes alcanza a súa décimo cuarta edición

O Congreso Internacional de Cirurxía para Estudantes desenvolve a partir deste martes 20 na Facultade de Medicina a súa décimo cuarta edición afianzando a súa posición como actividade de referencia na organización de congresos para estudantes, tanto no plano nacional como internacional. Dende o seu inicio en 1986, polo Congreso de Cirurxía para Estudantes pasaron máis de 6.500 alumnos/as da USC así como de facultades de toda España e Portugal, manténdose fiel ao seu obxectivo de aumentar as posibilidades de aprendizaxe do alumnado das facultades de Medicina máis alá dos contidos estritamente teóricos de aula. A inauguración oficial do encontro está programada para as 10.00 horas no Salón de Actos da facultade compostelá, sede do congreso, e nela participarán o decano Juan Gestal; o director científico do congreso, o catedrático de Cirurxía Miguel Caínzos; e o doutor Costa-Maia, do Hospital de San Joao (Porto), en calidade de conferenciante convidado. Entre este martes 20 e o xoves 22 o alumnado inscrito no congreso poderá asistir ás conferencias maxistrais de docentes e profesionais de recoñecido prestixio internacional nas súas respectivas especialidades, xunto aos que se abrirá un espazo para os relatorios de estudantes de Medicina e Odontoloxía, así como obradoiros encamiñados a abordar aspectos relevantes da práctica médica diaria. Como apunta a organización do encontro, a asociación de alumnado GiMe da Facultade compostelá, “traballamos ano a ano para ofrecer a todos os nosos/as compañeiros/as a posibilidade de gozar en primeira persoa dos últimos avances no campo da cirurxía actual, sempre co obxectivo de mellorar a calidade e contidos da formación académica”.

Xunto ao profesor Costa-Maia, a edición deste ano do Congreso conta coa presenza como relatores convidados dos profesores Sancho Insenser, do Hospital do Mar de Barcelona; Martelo Vilar, da Coruña; e o xefe de Cirurxía Xeral e Emerxencia do Hospital Gregorio Marañón, Fernando Javier Turégano Fuentes. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á web de GiMe en http://www.gime.es/congresos/xiv-congreso-internacional-de-cirugia-para-estudiantes/informacion/.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.11.2012.