Ir o contido principal

Un congreso internacional reunirá en Lugo a especialistas en prevención de riscos laborais e saúde medioambiental

O encontro celebrarase en outubro na Facultade de Ciencias

Especialistas en prevención de riscos laborais e saúde medioambiental de diferentes empresas e institucións de España e Portugal participarán no Congreso Internacional ‘O camiño hacia unha vida laboral segura e saudable’ que se desenvolverá no Campus de Lugo os vindeiros días 20, 21 e 22 de outubro organizado pola Facultade de Ciencias e a Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais.
Este congreso, patrocinado polo Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo e as empresas Laboratorios Nupel, Ingapán e Bioetanol, diríxese a técnicos con responsabilidades na prevención de riscos no traballo, profesionais relacionados coa saúde laboral, empresarios e directivos interesados en actualizarse sobre estes temas, así como a representantes sindicais e traballadores.
Todas as persoas interesadas en participar nesta xuntanza poden formalizar a súa inscrición ata o día 19 de setembro a través das páxinas web www.congresodeprevencion.com ou www.e-scola.org.
O obxectivo deste Congreso Internacional é servir de marco no que debater con rigor científico, achegar posicións e compartir coñecementos sobre diferentes aspectos de relevancia no mundo da prevención dos riscos laborais e a saúde medioambiental.
O programa deste encontro presentárono este mércores o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o decano da Facultade de Ciencias e presidente do Comité Organizador do Congreso Internacional de Prevención de Riscos Laborais, Francisco Fraga; e o presidente da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais e vicepresidente do comité organizador, José Carlos Quintas.
Na presentación lembraron que a Facultade de Ciencias de Lugo está a facer, dende o ano 2004, unha clara aposta pola prevención de riscos no traballo, primeiro coa implantación dun máster propio de prevención, e logo co primeiro Máster Oficial en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental do Sistema Universitario de Galicia. Este curso de posgrao está a día de hoxe totalmente consolidado e a piques de rematar a súa terceira promoción.
Nove relatorios sobre prevención de riscosO programa deste Congreso Internacional inclúe nove conferencias a cargo doutros tantos profesionais na prevención de riscos laborais que desenvolven o seu traballo no eido educativo ou empresarial.
O primeiro relatorio, o mércores 20 de outubro, correrá a cargo da conselleira de Traballo, Beatriz Mato, que dará unha visión global sobre ‘A prevención de riscos laborais e a responsabilidade social empresarial’, para logo dar paso ao profesor Pedro Arezes, da Universidade portuguesa de Minho, que falará sobre os métodos de avaliación de riscos en Ergonomía. Ese mesmo día, a profesora da UNED, Amparo Osca, abordará os riscos psicosociais e a accidentabilidade laboral; e o profesor da Universidade Politécnica de Cataluña e vicepresidente da Asociación de Profesionais da Enxeñaría de Protección Contra Incendios (APICI), Juan Carlos López Pérez, analizará a aplicación da norma básica de autoprotección nas comunidades autónomas.
O presidente do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Veterinarios de España, Juan José Badiola, tomará o relevo o día 21 cunha conferencia sobre as medidas de control ambiental nas epizootias e nas zoonoses. Seguiranlle unha reflexión sobre a pandemia da gripe dende a perspectiva da saúde laboral a cargo do catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, Juan Jesús Gestal; e a presentación dun estudo sobre a incidencia da asma no persoal sanitario da man do profesor da Universidade de Houston, Jordi Delclós.
O venres 22, último día do congreso, os relatorios correrán a cargo do profesor da Universidade Politécnica de Madrid, Vicente Riveira, que tratará a xestión integrada de calidade, prevención e responsabilidade social; e do fiscal coordinador de sinistralidade laboral do Tribunal Supremo de Xustiza de Galicia, Luís Anguita, que analizará a responsabilidade penal que se deriva dos sinistros no ámbito do traballo.
Análise e debate en seis mesas redondasAdemais dos nove relatorios, o Congreso Internacional inclúe a celebración de seis mesas redondas, dúas por día, que contarán coa participación dunha vintena de profesionais que exercen a súa labor en diferentes administracións e empresas de España e Portugal e que reflexionarán e compartirán experiencias sobre a importancia e a necesidade de aplicar medidas de prevención de riscos no ámbito laboral.
Nestas xuntanzas tocaranse temas como a hixiene industrial, os riscos laborais no sector agrario, a xestión do risco psicosocial, a seguridade contra os lumes ou a toxicoloxía laboral.
Taller complementario contra o estrés O programa de actividades do congreso complétase cun taller no que o especialista en Psicoloxía Clínica e director de CHC Psicólogos de Madrid e do Departamento de Psicosomática do Instituto de Reumatoloxía de Barcelona, Isidro Pérez Hidalgo, ensinará aos asistentes a afrontar e reducir o propio estrés, co fin de evitar os seus efectos negativos sobre a saúde e o rendemento.
Esta actividade, de caracter eminentemente práctico e participativo, impartirase o venres día 22 de outubro de 16:00 a 20:00 horas e o sábado 23 de 10:00 a 14:00 horas. Poden apuntarse todas as persoas que así o desexen, con independencia de que participasen ou non no Congreso Internacional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.05.2010.