Ir o contido principal

Un congreso internacional revisa as posibilidades da aprendizaxe-servizo na universidade

O congreso sobre Aprendizaxe-Servizo Universitario reúne estes días en Ciencias da Educación (Campus Vida) a expertos nacionais e internacionais para avaliar as posibilidades deste fórmula pedagóxica que “pode ser de grande utilidade por representar unha magnífica mostra de pedagoxía experiencial”, explican os seus promotores. O encontro celebrarase ata o próximo sábado 15.

A inauguración deste encontro presidiraa o reitor Juan Viaño este venres 14 ás 9.30 horas na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) nunha sesión que contará tamén coa participación da Valedora do Pobo, Milagros Otero Parga; a directora xeral de Xuventude e Voluntariado; Cecilia Vázquez Suárez; a decana da Facultade, Carmen Fernández Morante; e o presidente do comité organizador, Miguel A. Santos Rego. Deseguido, Robert G. Bringle, da Indiana University-Purdue University Indianapolis, pronunciará a conferencia ‘A aprendizaxe-servizo nas universidades de Estados Unidos: balance e perspectivas’, que precederá a unha mesa redonda sobre a institucionalización da aprendizaxe-servizo na universidades na que interveñen as profesoras María Jesús Martínez Usarralde, de Valencia, e Elisa Jato Seijas, da USC, e o profesor José L. Álvarez Castillo, da Universide de Córdoba.

A xornada da tarde comezará coa presentación de pósteres e comunicacións e concluirá coa intervención a partir das 18.30 horas do presidente de Afundación e ex decano da Facultade de Educación da Universidade de Texas, Miguel A. Escotet, coa conferencia ‘A aprendizaxe-servizo e o futuro da educación superior’.

Xoves 13
Aínda que a inauguración oficial se celebrará mañá, o programa comeza este xoves 13 coa celebración de dous talleres sobre como avaliar as experiencias dos estudantes e sobre os antecedentes e perspectivas de futuro da investigación en aprendizaxe-servizo.

Como explican os promotores do encontro, o proceso baseado en aprendizaxe-servizo (ApS) permite a implicación dos membros do grupo dende o primeiro momento en que se pon en marcha a experiencia. Engaden os seus estudosos que posto que cada paso deberá ser consensuado e aprobado polo grupo, isto outorga ao proxecto unha dose de sentimento de pertenza, con posibilidade de servir a modo de motivador intrínseco. No encontro de Ciencias da Educación prestarase especial atención a aplicación desde modelo na Universidade, por considerar que pode optimizar os procesos de ensino-aprendizaxe en consonancia coa declaración de Bolonia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.10.2016.