Ir o contido principal

O I Congreso Investigadores Mozos en Produción Primaria Sostible e Seguridade Alimentaria bota a andar este xoves na EPSE de Lugo

A especialista en Zootecnia Ana Patricia Muñoz, no centro, con investigadores de BioReDes, no primeiro 'Camiño con ciencia' celebrado en Lugo
A especialista en Zootecnia Ana Patricia Muñoz, no centro, con investigadores de BioReDes, no primeiro 'Camiño con ciencia' celebrado en Lugo
Un relatorio de Adriana Patricia Muñoz sobre innovación social como estratexia de paz en Colombia abre este foro de divulgación científica de BioReDes e Rede Inmunogenom

O I Congreso da Mocidade Investigadora en Produción Primaria Sostible e Calidade e Seguridade Alimentaria (JIPAS 2019), un foro de divulgación e debate científico promovido pola Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra da USC (BioReDes) e a Rede Inmunogenom da USC, citará este xoves e venres na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo a máis de 120 investigadores mozos de todo o Sistema Universitario Galego, entre os que se atopa unha ampla delegación internacional, ademais de representantes da maioría dos centros de investigación operativos na comunidade galega e noutras localizacións de España e de Portugal.

Este evento científico está concibido como un foro de análise e debate acaído para que a mocidade investigadora poida presentar as súas pescudas e expoñer os seus traballos de investigación, ademais de intercambiar opinións, debater resultados científicos e mellorar a súas técnicas e habilidades para a presentación e defensa pública dos seus traballos e achegas, tal e como indicou o coordinador de BioReDes e da Red Inmunogenom da USC, Paulino Martínez Portela. O catedrático de Xenética da USC sinalou asemade que JIPAS 2019 aspira a converterse nun espazo de intercambio e de conexión entre os diferentes grupos de investigación que traballan nos ámbitos da produción primaria sostible e no de calidade e da seguridade alimentaria.

A especialista en Zootecnia e profesora da Universidade Nacional de Colombia Adriana Patricia Muñoz Ramírez, abrirá, ás 9.00 horas, a quenda de intervencións deste congreso co relatorio ‘A innovación social e a extensión solidaria como estratexias para o fortalecemento de acuicultores/agricultores de recursos limitados e a construción de paz en Colombia’. Na súa intervención, Muñoz Ramírez, que xa este mércores participou en Lugo no primeiro ‘Camiño con ciencia’ (iniciativa de divulgación do I+D+i do Campus de Lugo promovida por BioReDes no marco do proxecto ‘O teu Xacobeo’ da Xunta de Galicia), dará conta dalgunhas experiencias de innovación social e extensión solidaria desenvolvidas pola Universidade Nacional de Colombia en colaboración con comunidades vulnerables de diferentes rexións do país iberoamericano para a produción ou transformación de insectos comestibles, peixes e aves, así como respecto do manexo de residuos.

O programa do congreso continuará ao longo de toda a xornada do xoves coa celebración de diversas sesións de presentación de comunicacións orais e de pósters, así como con varias mesas de debate e coloquios que, entre outras cuestións, tamén abordarán a problemática asociada aos efectos do cambio climático.

A xornada do venres comezará ás 9.00 horas cunha exposición do labor desenvolvido desde o Campus Terra da USC respecto da agroforestería. Ao remate desta sesión comezará unha quenda de presentacións de comunicacións orais moderada pola profesora Azucena Mora á que seguirá outra sesión de presentación de pósters guiada polo tamén docente da USC Roberto Bermúdez.

A estrutura do I Congreso da Mocidade Investigadora en Produción Primaria Sostible e Calidade e Seguridade Alimentaria terá continuidade ata as 18.15 horas do venres, cando se procederá a sesión de clausura e entrega de premios ás mellores comunicacións. O coordinador de BioReDes, a adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera, e o investigador de BioReDes, Roberto Martínez Pose, presidirán a sesión de peche deste congreso.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.12.2019.