Ir o contido principal

O Congreso Novas e Vellas Cuestións das Investigacións das Mulleres e do Xénero abre co papel da muller no eido científico

A inauguración oficial do encontro terá lugar ás 16:00 horas no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación

O Congreso Internacional Novas e Vellas Cuestións das Investigacións das Mulleres e do Xénero comeza este mércores, día 14, coa conferencia ‘Mulleres e Ciencia: da negación e a invisibilidade ás achegas para a renovación das Humanidades e as Ciencias Sociais na era dixital’. Impartida pola profesora da Universidade Autónoma de Barcelona, Amparo Moreno, será a partir das 16:30 horas no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Sur).
Antes do relatorio, terá lugar ás 16:00 horas a inauguración oficial do encontro na que participan a vicerreitora de Profesorado e Organización Académica, Dolores Domínguez; a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán; a concelleira delegada de Benestar Social e Muller de Santiago, Mar Martín; o decano da Facultade de Ciencias da Educación, Lois Ferradás e a presidenta do comité científico do congreso, Rita Radl.
A xornada do xoves 15 abrirá ás 9:00 horas coa situación actual das investigacións das mulleres e do xénero no contexto nacional e internacional. No debate, intervirán as profesoras das Universidades Bielefeld en Alemaña, do Minho en Portugal, e Carlos III de Madrid, Birgit Riegraf, Luisa Saavedra e Constanza Tobío, respectivamente.
O congreso, que continuará ata o venres 16, contará coa presenza de expertos internacionais para tratar as formas múltiples da violencia sexistas que existen no mundo, a participación política laboral ou algúns aspectos do pensamento feminista, entre outras cuestións.
Co fin principal crear un espazo de discusión sobre investigacións das mulleres e do xénero, o congreso organizouno o Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) da USC xunto co Comité de Socioloxía do Xénero da Federación Española de Socioloxía (FES).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.05.2008.