Ir o contido principal

Un congreso reúne na USC aos principais expertos internacionais nas áreas do ensino e da didáctica da historia

De dereita a esquerda, Luis Velasco, Ramón López Facal e Victor Santidrián
De dereita a esquerda, Luis Velasco, Ramón López Facal e Victor Santidrián
O I Congreso Internacional sobre Ensinanza da Historia que se desenvolverá na USC entre o 30 de xuño e o 2 de xullo

‘Pensar historicamente en tempos de globalización’ é o lema do I Congreso Internacional sobre Ensinanza da Historia que se desenvolverá na USC entre o 30 de xuño e o 2 de xullo coa participación dos principais expertos mundiais en didáctica da historia. Organizado polo Departamento de Historia Contemporánea coa colaboración da Fundación 10 de marzo e do Ministerio de Ciencia e dirixido polo profesor Ramón López Facal, o encontro reunirá na Escola de Relacións Laborais aos principais expertos do mundo nas áreas do ensino e da didáctica da historia.

Os problemas relacionados co ensino e a aprendizaxe da historia adquiriron unha crecente importancia en gran parte do mundo actual, dando lugar á construción dun campo específico de coñecementos e á formación de comunidades de investigadores tanto en España como noutros países.

En opinión dos organizadores, o profesorado de historia recibiu ata agora unha formación académica excesivamente disciplinar e, en gran medida, carece de habilidades tecnolóxicas e coñecementos pedagóxicos actualizados. É por iso que este evento académico pretende abordar algúns destes retos e poñer en común experiencias e reflexións coa participación de relatores de Alemaña, Arxentina, Brasil, Canadá, España, Francia, Italia, Marrocos, e Suíza.

Programa

O congreso inaugurarao o mércores, 30 de xuño, o reitor da USC, Juan Casares Long, a quen lle seguirá Joaquim Prats, da Universidade de Barcelona, coa conferencia de apertura ‘A investigación en didáctica das ciencias sociais en España e Iberomérica’. Nesa primeira xornada desenvolverase pola tarde unha mesa redonda sobre os manuais de historia. Rematará coa lectura de comunicacións relacionadas con investigacións do ensino das ciencias sociais.

Os casos canadense, marroquí, suízo e francés ocuparán as sesións do xoves, cuxas comunicacións analizarán experiencias e propostas para o ensino da historia. Tamén esa xornada haberá unha mesa redonda, titulada ‘Memorias conflitivas e ensino da historia’. As sesións rematarán o venres con intervencións de expertos de Brasil, Arxentina, Barcelona e da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.06.2010.