Ir o contido principal

O conselleiro de Economía visitou no edificio Emprendia as instalacións de HGBeyond

Paloma Cabello explica parte do proceso que se desenvolve nos laboratorios de Emprendia á comitiva, co reitor e o conselleiro en primeiro termo. Foto: Servimav-USC
Paloma Cabello explica parte do proceso que se desenvolve nos laboratorios de Emprendia á comitiva, co reitor e o conselleiro en primeiro termo. Foto: Servimav-USC

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde López, xunto co reitor Juan Viaño visitaron este venres 9 as instalacións na USC da compañía HGBeyond no edificio Emprendia. Esta é unha compañía dedicada ao desenvolvemento de lentes de contacto medicadas promovida pola profesora Carmen Álvarez-Lorenzo e o catedrático Ángel Concheiro. A empresa parte da investigación en hidroxeles con propiedades especiais destes dous investigadores e traballa agora dende Compostela na comercialización internacional de lentes de contacto con capacidade para liberar fármacos de forma controlada no ollo.

Na visita ao Edificio Emprendia participaron tamén a socia e presidenta de HGBeyond Paloma Cabello; así como Francisco Moreno e Pepa Limeres, en representación da Fundación Marcelino Botín; o adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, Manel Cotos; o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE), José L. Villaverde; e a técnico da mesma área, Susana Torrente.

A USC, a través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento, ten a misión de dar soporte e acompañar ao persoal investigador de todas ás áreas na creación de valor dos seus resultados co fin último de seren útiles para mellorar a calidade de vida da cidadanía e que a investigación repercuta deste xeito na sociedade. Neste senso, como lembrou na visita o reitor Juan Viaño, “HGBeyond exemplifica perfectamente este proceso de valorización de resultados de investigación da USC e o seu traslado ao sector industrial, pero ademais é un caso que merece unha especial mención polo seu percorrido”.

Viaño lembrou que dende a súa posta en marcha en 2015, a empresa ten colectado importantes fitos, o primeiro “a obtención de 500.000 euros para a realización dunha proba de concepto a través do programa Mind The Gap da Fundación Marcelino Botín, acadado sen dúbida pola elevada calidade da investigación desenvolvida polo equipo de Carmen Álvarez Lorenzo e Ángel Concheiro Nine e do traballo conxunto no seo da USC para levar cara diante o desenvolvemento desta tecnoloxía”. O reitor tamén destacou a incorporación ao proxecto de Paloma Cabello, actual presidenta da sociedade, polo seu recoñecido prestixio internacional en materia de investimentos en innovación. Outro fito destacado foi a concesión dun proxecto Neotec por parte do CDTi, unha axuda Torres Quevedo do Ministerio de Economía ou a axuda Principia da Axencia Galega de Innovación, ademais de diferentes premios nos últimos anos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.03.2018.