O conselleiro de Educación inaugura unha xornada divulgativa sobre a muralla romana de Lugo no auditorio da Casa do Saber
A muralla romana de Lugo, a súa xestión, divulgación e o grao de coñecemento deste monumento declarado Patrimonio da Humanidade centrou este mércores a temática dunha xornada monográfica organizada no auditorio da Casa do Saber de Lugo pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración con El Progreso.
O conselleiro Román Rodríguez foi o encargado de inaugurar este foro de debate e divulgación sobre a muralla de Lugo “un monumento vivo e icónico da capital luguesa”, segundo subliñou, no marco dunha sesión na que tamén interviñeron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a presidenta del grupo El Progreso, Blanca García Montenegro. Logo da sesión inaugural, na que se fixo fincapé no valor patrimonial, pero tamén no impulso para a economía luguesa derivado e asociado á muralla romana, o xornalista Javier Rivera guiou unha quenda de intervencións na que participaron como relatores o arquitecto Ignacio López de Rego e os arqueólogos Celso Rodríguez Cao e Rubén Álvarez Asorey. Os avances técnicos e o desenvolvemento de investigacións e novas tecnoloxías arredor deste monumento romano foron obxecto de debate neste foro, no que tamén se abordaron cuestións ligadas ao programa de xestión e mantemento financiado pola Xunta de Galicia, así como das últimas pescudas sobre o monumento que se están a realizar na actualidade. A intervención de López de Rego, que abriu a quenda de relatorios, desenvolveuse baixo o título ‘A conservación e xestión dun monumento vivo: a muralla de Lugo’. De seguido, Rodríguez Cao ofreceu o relatorio ‘Das escavacións da Domus do Mitreo ao corpo de garda da Porta Miñá, unha hipótese histórica como resultado da investigación arqueolóxica’. O tamén arqueólogo Rubén Álvarez Asorey pechou a quenda de intervencións cunha exposición sobre a dinamización do patrimonio lugués. A xornada monográfica sobre a muralla romana de Lugo congregou no auditorio da Casa do Saber de Lugo máis de medio centenar de asistentes, entre os que estaban, entre outros, o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, e a vicerreitora de Servizos Universitarios da sede universitaria luguesa, Carme Silva Domínguez. O conselleiro Román Rodríguez, entre a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a presidenta de El Progreso, Blanca García Montenegro