Ir o contido principal

O Consello de Dirección da Universidade de Santiago celebrou unha sesión de traballo na Estación de Bioloxía Mariña da Graña

O reitor da USC e o alcalde de Ferrol Vicente Irisarri
O reitor da USC e o alcalde de Ferrol Vicente Irisarri
reitor e o consello realizaron ademais unha visita institucional ao alcalde de Ferrol

O Consello de Dirección da Universidade de Santiago, presidido polo reitor Senén Barro, remata na tarde deste martes 18 a súa estadía de dous días na Estación de Bioloxía Mariña de A Graña da USC onde o consello traballou na planificación das liñas de traballo a seguir no vindeiro curso e na análise sobre as políticas universitarias a desenvolver neste período.
Como xa sucedera en cursos anteriores, esta estadía permitiulle ao equipo de goberno da institución compostelá a definición e posta en común das liñas xerais de actuación da Universidade de Santiago para o curso que proximamente comezará logo do período vacacional. Neste senso, boa parte dos esforzos da USC orientaranse cara ao desenvolvemento do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), eido no que a USC dará un novo paso este curso coa posta en marcha de dez novos Programas Oficiais de Posgrao (POP), que se suman aos nove que xa comezaron no curso 2006-2007.
Os Programas POP responden ao proceso de construción do EEES iniciado na Declaración de Bolonia. Un dos obxectivos fundamentais deste proceso é a adopción dun novo sistema flexible de titulacións universitarias baseado en dous niveis: o grao e posgrao.
Visita institucional ao alcalde de FerrolNo transcurso da estadía na Graña, o reitor aproveitou a ocasión para realizar unha visita institucional ao alcalde do Concello de Ferrol nun encontro no que se valorou positivamente a importancia do labor investigador universitario para Galicia e particularmente para Ferrol. Neste senso, o alcalde Vicente Irisarri indicou que visitará proximamente as instalacións da USC na Graña para coñecer de preto o traballo realizado na Estación de Bioloxía Mariña, labor científica que cualificou de grande importancia a prol da protección da ría ferrolá e para o conxunto de Galicia.
Ademais da Estación da Graña, a USC conta cunha Estación de Hidrobioloxía en Encoro de Con (Vilagarcía), ás que no futuro se sumará a de Bioloxía de Montaña do Caurel.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.09.2007.