O Consello Económico e Social de Santiago coñece as accións de Campus Vida

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, explícalle este luns aos membros do Consello Económico e Social de Santiago de Compostela as accións previstas ata o momento por Campus Vida, Campus de Excelencia Internacional.
Na xuntanza, que se desenvolverá a partir das 20:00 horas na Sala de Comisións do Concello de Santiago, Barro incidirá nas implicacións do proxecto sobre a cidade, do que resulta un novo concepto, a ‘Univercidade’. Campus Vida reforza esa relación por medio do desenvolvemento de redes sociais e económicas que xeren riqueza integrando docencia, investigación e empresa; coa humanización e reurbanización do campus e coa mellora da calidade de vida e a sustentabilidade.
Para reforzar estas ideas e retos o reitor ofrecerá cifras concretas como, por exemplo, que en cinco anos as zonas verdes pasarán dun 40 a un 60 por cento sobre a superficie total, un incremento de vinte puntos que tamén se producirá na porcentaxe de financiamento privado en I+D nese tempo. Ademais, as previsións apuntan a que o valor das empresas de base tecnolóxica que se creen no marco deste proxecto ascendan a 100 millóns en 2015, máis do dobre que agora.