Ir o contido principal

O Consello de Goberno aproba a integración da USC na Agrupación de Interese Económico SIGMA

A xuntanza desenvolveuse no Colexio San Xerome. FOTO: Santi Alvite
A xuntanza desenvolveuse no Colexio San Xerome. FOTO: Santi Alvite
A adhesión a esta entidade que optimiza os procedementos administrativos e informativos relacionados coa xestión dunha vintena de universidades, foi unha das cuestións abordadas polo órgano colexiado que tamén renovou a composición de diversas comisións
Lugo, Santiago de Compostela

A USC sumarase a SIGMA, unha agrupación de interese económico que ten por obxecto facilitar o desenvolvemento e mellorar o resultado da actividade do seus membros no eido do desenvolvemento, implementación e explotación informática dos procedementos administrativos e informativos relacionados coa xestión. A institución compostelá pasará deste xeito, tal e como aprobou este xoves 28 o Consello de Goberno, a integrar esta agrupación conformada por preto dunha vintena de universidades.

Doutra banda, o órgano colexiado aprobou tamén a renovación das comisións de Avaliación de Accións Especiais; de Atención a Situacións de Acoso Sexual, Acoso por Razón de Sexo, Orientación Sexual e Identidade de Xénero; e as súas comisións delegadas. Ademais, deu luz verde á proposta de creación do cargo de delegado do reitor que terá por obxecto promover e desenvolver políticas de carácter transversal.

No capítulo de organización académica, a xuntanza abordou a modificación do prezo mínimo e máximo por crédito en estudos propios. A declaración de intencións para tramitar unha modificación substancial da memoria do Máster Universitario en Psicoloxía Xeral Sanitaria para o curso 2023-2024, a modificación da memoria do Grao Aberto 5USC Enxeñarías 2022, así como as propostas de estudos propios foron outras das cuestións tratadas no eidos das titulacións.

Premios e regulamentos

A concesión de Premios Extraordinarios de Doutoramento do curso 2019-2020 foi outra das cuestións abordadas na xuntanza, xunto coa aprobación de diferentes regulamentos. Así, aprobouse a modificación do Regulamento de Réxime Interno da Facultade de Formación do Profesorado, e ás modificacións dos de fin de estudos relativas ao Traballo Fin de Grao en Enxeñaría Informática e do Traballo Fin de Mestrado en Estudos Medievais.

Cronicidade

Na reunión aprobouse tamén a renovación da Cátedra de Cronicidade da USC por un ano máis. Creada en 2019, esta entidade naceu coa vontade de fomentar a docencia, a investigación e difusión dos coñecementos no campo da cronicidade.

A actualización das tarifas do Servizo de Radioloxía e da Área de Infraestruturas de Investigación pechou a listaxe de temas a tratar xunto con asuntos económicos e convenios.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.04.2022.