Ir o contido principal

O Consello de Goberno aproba o nomeamento de trece profesores eméritos

O Consello de Goberno aprobou o nomeamento como profesores eméritos de Carlos Acuña Castroviejo, Alberto Arce Arce, Manuel Bermejo Patiño, María Isabel Cadavid Torres, José L. Carro Fernández-Valmayor, Franco Fernández González, José María Fraga Bermúdez, José A. Gómez Segade, Luis Iglesias Feijóo, Lourdes Montero Mesa, Manuel Núñez Rodríguez, Carlos Pajares Vales e Félix Vidal Costa.

Segundo a normativa da USC neste eido, poderá ser emérito/a o profesorado doutor que teña destacado polos seus méritos docentes e investigadores, cunha idade entre 65 e 75 anos, que prestara servizo activo na universidade pública durante un mínimo de 30 anos (20 ou máis destes na USC) e ter recoñecido como mínimo un número de tramos de investigación avaliados positivamente que o sitúe no cuartil superior da súa área de coñecemento. O profesorado nestas condicións poderá colaborar na dirección de tarefas de investigación, na docencia de posgrao ata un máximo de 90 horas lectivas e formar parte dos tribunais de tese e das comisións de avaliación dos traballos fin e grao, sen que derive retribución ningunha nin dereito a indemnización e rematará inexcusablemente na data de cumprimento dos 75 anos.

Na xuntanza celebrada este xoves, o Consello de Goberno tamén aprobou modificar o acordo para o establecemento dunha oportunidade extraordinaria de recuperación para os plans de estudo en proceso de extinción. Para concorrer a esta oportunidade extraordinaria non será de aplicación o requisito que esixía ter que presentarse aos exames correspondentes ás dúas últimas oportunidades ordinarias, polo que se repite esta oportunidade para as persoas que non se puideron presentar por incumprir a mencionada condición.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.10.2015.