O Consello de Goberno aproba a planificación do cadro de persoal docente para o vindeiro curso
O Consello de Goberno da USC aprobou este luns a planificación do cadro de persoal docente e investigador (PDI) para o vindeiro curso académico 2017-2018, definida de acordo coas dispoñibilidade orzamentarias da Universidade de Santiago e que contempla un total de 112 prazas de nova creación, das que 20 son de promoción (10 de catedráticos e 10 de titulares) e 15 de estabilización.
A política de persoal da institución académica ten por obxectivo dar cobertura ás necesidades docentes das áreas de coñecemento, atender os procesos de estabilización e promoción do persoal docente e investigador da USC e ter en conta outro tipo de actuacións no ámbito do PDI como son as mobilidades intercampus ou as licenzas por anos sabáticos.
Para analizar as necesidades das áreas de coñecemento tívose en conta o aumento ou diminución do encargo docente, así como a diminución dos recursos de PDI das áreas de coñecemento por pasamentos, servizos especiais, excedencias e xubilacións. Igualmente, avaliouse a repercusión das xubilacións previstas para 2017 e das que ata o momento se contabilizan un total de 51 (33 forzosas e 18 voluntaria) e que afectan a 37 áreas de coñecemento.
Como novidade fronte á xestión realizada en anos anteriores, por vez primeira trátase conxuntamente a planificación das necesidades de persoal docente e investigador para o próximo curso de xeito simultáneo coa aprobación da Oferta de Emprego Público e de acordo cunha planificación plurianual. Como explicou o vicerreitor de Organización Académica e PDI, Luis Lima, trátase así de dar unha resposta “o máis áxil e eficaz posible” ás necesidades concretas de persoal das distintas áreas de coñecemento.
Así, a planificación para o curso 2017/2018 está enmarcada na Plurianual en Materia de PDI na USC para o período 2016-2020. A proposta hoxe tratada no Consello de Goberno fora xa informada favorablemente por unanimidade na mesa de negociación sindical celebrada entre os pasados meses de abril e maio. Os catros sindicatos con representación votaron favorablemente o conxunto da proposta da Vicerreitoría, o mesmo que a comisión delegada do Consello de Goberno (COAP).
Na mesma xuntanza, aprobouse o regulamento de asignación de prazas de catedráticos de universidade pola quenda de promoción interna, que lle outorga un maior peso na oferta fixa aos criterios estruturais pero que tamén ten en conta no reparto a antigüidade e os méritos.