Ir o contido principal

O Consello de Goberno aproba o recoñecemento da carreira profesional do PAS e a avaliación do seu rendemento

A reunión desenvolveuse no Colexio San Xerome. FOTO: Santi Alvite
A reunión desenvolveuse no Colexio San Xerome. FOTO: Santi Alvite
O procedemento de atención á conciliación da vida persoal e profesional do profesorado no proceso de asignación de docencia en termos de homoxeneidade foi outra das cuestións abordadas na sesión
Lugo, Santiago de Compostela

A conciliación da vida familiar e profesional a través da aprobación dunha normativa que a regula na asignación da docencia, así como a articulación dun sistema transitorio de recoñecemento da carreira profesional do Persoal de Administración e Servizos (PAS) reforzan a aposta da USC polo persoal. Nos dous casos e logo do debatido no Consello de Goberno, trátase de medidas que avanzan no desenvolvemento de compromisos recollidos na Planificación Plurianual da institución.    

A USC artellará un sistema transitorio de recoñecemento da carreira profesional do Persoal de Administración e Servizos (PAS), medida coa que se equiparará con outras administracións universitarias e territoriais que o tiñan implantado con anterioridade. O Consello de Goberno aprobou o acordo, na súa xuntanza deste xoves 26, coa vontade de poñer en valor o desenvolvemento profesional do colectivo integrado no PAS, como garantía de calidade do servizo prestado e na procura de incidir nun funcionamento eficiente das unidades administrativas da Universidade.

O acordo transitorio establece o inicio dun prazo de tres meses no que a Xerencia proporá ás organizacións sindicais o calendario de negociación que desenvolverá en 2023 para a definición dun sistema ordinario de recoñecemento da carreira profesional co obxecto de realizar a súa implantación en 2024. Á espera do sistema que permita o pleno desenvolvemento da carreira profesional, o acordo transitorio é de aplicación para a totalidade do PAS, tanto para persoal funcionario de carreira e interino como para persoal laboral fixo e temporal.

O grao I que se articula transitoriamente aboarase mediante unha retribución complementaria de carácter fixo a distribuír en 12 mensualidades. En función das dispoñibilidades orzamentarias o pagamento terá efectos económicos dende o 1 de xaneiro de cada ano. No primeiro trimestre de 2023 realizarase unha convocatoria na que o persoal disporá dun prazo de presentación de solicitudes de forma electrónica.

Como requisito para acceder ao complemento, será preciso estar en situación de servizo activo, ter a condición de PAS a 31/12/22 cunha antigüidade de 5 anos, acreditar que non foi obxecto de sanción disciplinaria nos últimos 5 anos e cumprir algún dos requisitos específicos de acceso: un mínimo de 40 horas de formación recibida, un mínimo de 10 horas de docencia impartida, formación de doutoramento ou posgrao, publicación de traballos científicos, funcións de dirección ou xefatura de servizo ou desempeño de funcións de interese xeral ou público ou de carácter representativo, entre outros.

Conciliación

A conciliación da vida persoal e profesional do profesorado no proceso de asignación de docencia estará regulada por unha normativa cuxo obxectivo é incorporar en termos de homoxeneidade, nos procesos de elaboración de horarios e de asignación de docencia, as súas necesidades de conciliación da vida familiar e profesional, especialmente para quen acredite ter ao seu cargo menores en idade previa á escolarización obrigatoria e/ou persoas dependentes.

Poderá acollerse o persoal docente e investigador con dedicación a tempo completo que teña ao seu cargo fillos ou fillas menores de doce anos ou quen teña ao seu coidado exclusivo e conviva no mesmo domicilio con familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade e de grao III de dependencia acreditada. No suposto de que coincidan varias solicitudes nunha mesma área, daráselle prioridade a quen teña ao seu cargo menores de tres anos ou persoas dependentes de grao III. A maiores, haberá un segundo nivel de prelación polo que se dará preferencia aos membros de familias monoparentais, a quen teña docencia nos dous períodos académicos e docencia en quenda de mañá e de tarde.

Rof Codina

A USC convértese no patrón maioritario da Fundación Pública Galega Rof Codina, tal e como contemplan as modificacións dos seus estatutos ás que deu luz verde o Consello de Goberno. A institución universitaria incrementa a súa achega económica e asume a presidencia, que recaerá no reitor. Estas modificacións xa recibiran no mes de decembro o visto bo do padroado da entidade, xuntanza na que tamén se acordara que a nova directora científica do Centro de Biomedicina e Veterinaria (CEBIOVET) fose Azucena Mora Gutiérrez, profesora do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC.

A Fundación constituíuse  para  a  xestión  do  Hospital  Veterinario  Universitario,  do CEBIOVET  e  doutras  estruturas  de  apoio  á  docencia  e  a  investigación. O apoio permanente a docencia clínica da Facultade de Veterinaria de Lugo, co fin de favorecer a maior correspondencia posible entre a docencia teórica da facultade e  as  ensinanzas  que  en  materia  clínica  poida  proporcionar  o  Hospital  Veterinario Universitario é un dos seus obxectivos.

Titulacións

O Consello de Goberno aprobou tamén as declaracións de intencións de novas propostas de mestrados universitarios para a súa implantación no curso 2024/2025. Trátase de Biociencias Moleculares, Ensino de Español como Lingua Estranxeira ou Segunda Lingua, e-Government e Transformación Dixital, e-Health, Economía Circular, Innovación Educativa, e Realidade Estendida. En materia de titulacións, a xuntanza tamén abordou a declaración de intencións de modificacións de titulacións de grao, mestrado, programas de doutoramento, así como a modificación de varias titulacións para a súa aplicación no curso 23-24.

Persoal docente e investigador
A oferta de 19 prazas correspondentes á convocatoria 2022 das axudas ‘Ramón y Cajal’ do Ministerio de Ciencia e Innovación e os criterios de adscrición foi unha das cuestións tratadas no capítulo destinado ao Persoal Docente e Investigador de cara á súa incorporación en 2023. O Consello de Goberno tamén aprobou prórrogas de profesorado asociado e memorias de permisos sabáticos correspondentes ao curso 21-22.  

Outros asuntos

O resto de temas tratados polo órgano colexiado foron a modificación do Plan de Medidas Antifraude e Prevención de Riscos de Xestión da USC, a modificación da RPT de PAS, proposta de modificación e actualización de tarifas, modificación do Regulamento polo que se establece o réxime de redución docente e de retribución de cargos e responsables académicos na USC (dirección CEBIOVET), a modificación do Regulamento de réxime interno da Facultade de Xeografía e Historia, xunto coa transferencia de resultados de investigación e o acordo de premios extraordinarios 21-22.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.01.2023.