Ir o contido principal

O Consello de Goberno celebrou a derradeira xuntanza deste curso

A xuntanza desenvolveuse no Salón Reitoral do Colexio San Xerome. FOTO: Santi Alvite
A xuntanza desenvolveuse no Salón Reitoral do Colexio San Xerome. FOTO: Santi Alvite
Entre outras cuestións, aprobáronse propostas de mestrado para a súa implantación no curso 2023-2024
Lugo, Santiago de Compostela

O Consello de Goberno aprobou este venres 22, na que foi a súa última sesión ordinario do curso, as novas propostas de mestrado universitario para a súa implantación no curso 2023-2024. Trátase das titulacións en Biofabricación, Ciencia e Tecnoloxías de Información Cuántica, Internet das Cousas (IoT), Patrimonio Cultural Dixital, Vehículos Autónomos, Xestión da Experiencia de Cliente, Xestión Sostible da Auga e Ensino do español como Lingua Estranxeira ou Segunda Lingua. Ademais, o órgano colexiado tamén deu luz verde ao programa de doutoramento en Didáctica  das  Ciencias Experimentais.

No capítulo de titulacións, tamén se abordaron as modificacións substanciais de sete  programas de doutoramento para a súa implantación no curso 2023-2024. Avances e Novas Estratexias en Ciencias Forenses, Ciencias Odontolóxicas, Comunicación e Información Contemporánea, Economía e Empresa, Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética, Neurociencia e Psicoloxía Clínica, Procesos Psicolóxicos e Comportamento Social foron os programas sometidos a modificacións substanciais, xunto co mestrado universitario en Historia Contemporánea.

A modificación do Regulamento de profesorado emérito foi outra das cuestións acometidas na xuntanza, xunto coa do Regulamento de xestión orzamentaria. O Consello tamén aprobou a entrada da USC na Fundación Castelao, entidade que ten por obxecto manter a lembranza da figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao; así como a incorporación á Asociación Iberoamericana de Posgrao (AUIP), rede interuniversitaria para a cooperación horizontal entre cuxos obxectivos inclúense o fomento da oferta académica de excelencia no nivel de posgrao e doutoramento. Mediante a súa asociación á AUIP, a USC quere colaborar con todas as institucións que a conforman para o desenvolvemento de proxectos de cooperación académica en educación superior avanzada, ciencia e cultura.

Convocatoria Beatriz Galindo

A Secretaría General de Universidades publicou a convocatoria de 100 axudas Beatriz Galindo (60 na modalidade júnior e 40 na modalidade sénior) que teñen como principal obxectivo a atracción de talento investigador que teña realizado parte da súa carreira profesional no estranxeiro. A USC fai unha proposta, tal e como aprobou o Consello de Goberno, de petición destas axudas baseada no carácter estratéxico que ten para a institución o reforzo dun ámbito docente-investigador de impacto no seu proceso de especialización a partir da incorporación dun candidato de contrastada competencia científica e con capacidade para liderar o desenvolvemento proposto. As candidaturas servirán de impulso ao grao de Bioquímica, de carácter estratéxico para a USC no marco do Campus Terra; ao eixo de investigación estratéxico de Campus Terra Alimentación Segura e Saúdable; á Facultade de Dereito no marco do Campus da Cidadanía; ao desenvolvemento das liñas de ‘Estudos Contraculturais, Infrahistoria das Artes e Estéticas subalternas’ no Departamento de Historia da Arte; e o impulso á docencia en matemáticas e ao desenvolvemento do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga).

Os regulamentos de fin de estudos para os Traballos de Fin de Grao de Relacións Laborais e dos Traballos de Fin de Mestrado na titulación de Xestión e Dirección Laboral completaron a orde do día xunto coa convocatoria e comisións de selección de prazas vinculadas de profesorado permanente.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.07.2022.