Ir o contido principal

O Consello de Goberno estuda un novo documento de planificación estratéxica da USC co horizonte en 2015

Aprobouse a convocatoria de prazas de aloxamento do Servizo Universitario de Residencias

O Consello de Goberno da USC coñeceu hoxe de maneira detallada o acordo de colaboración no que as universidades do Sistema Universitario Galego están a traballar. Ademais, na xuntanza deuse conta do estado da Planificación Estratéxica na USC e do informe económico correspondente a 2009, entre outros asuntos como a nova convocatoria de prazas do Sistema Universitario de Residencias e da Escola Infantil Breogán.
Planificación estratéxicaBaixo a denominación USC Horizonte 2015. Un documento para a reflexión, presentouse un informe coordinado pola vicerreitora de Calidade, Mª Dolores Álvarez, relativo ao estado da Planificación Estratéxica da USC. A finalización do período de vixencia deste plan a finais de 2010 fai necesaria a revisión e actualización do marco estratéxico da USC coa formulación dun novo Plan que explicite as metas e as prioridades de actuación da institución compostelá nos próximos anos.
Neste senso, o documento presentado polo reitor ao Consello de Goberno é o resultado dunha análise da situación interna e contextual da USC; dunha reflexión e debate sobre “onde estamos e cara onde nos gustaría camiñar nos próximos anos, e así poder servir de base para quen finalmente teña a responsabilidade de liderar o desenvolvemento dun novo Plan Estratéxico para a USC”.
USC Horizonte 2015 reafirma a importancia da dimensión social do Espazo Europeo de Educación Superior e pretende buscar un equilibrio entre a necesidade de facer máis competitiva á universidade e o obxectivo de mellorar as características sociais do EEES para poder así fortalecer a cohesión social e reducir as desigualdades tanto en relación co Estado como co entorno europeo.
Colaboración no SUGNo acordo marco de colaboración as Universidades galegas asumen o compromiso de traballar relacionadas entre si e ordenadamente para ter unha contribución máis eficiente e eficaz a prol de obxectivos comúns, en resposta ás demandas da sociedade e dos seus axentes económicos, sociais, políticos, culturais...
Segundo o reitor Senén Barro, a creación e transmisión do coñecemento, a súa valorización e transferencia e o desenvolvemento tecnolóxico deben ser perseguidos polas tres universidades galegas no ámbito da súa autonomía, pero tamén colectivamente, como sistema.
Este acordo de cooperación universitaria contempla a colaboración na docencia non só nos másteres e doutoramentos, como vén sendo habitual, senón tamén nos graos. Ademais, o documento estenderíase tamén á cooperación en apostas estratéxicas no eido da investigación e da transferencia.
Informe económico 2009O vicerrector de Economía, Financiamento e Infraestruturas, Miguel A. Vázquez Taín, foi o encargado de presentar ao órgano colexiado un informe sobre a situación económica da USC. Trátase dunha serie de cadros que pretenden facilitar o seguimento da información respecto da situación económica e financeira da institución ao longo da derradeira década.
Esta análise, que se fai periodicamente como parte do compromiso asumido polo equipo de goberno diante da comunidade universitaria e da sociedade, recolle os datos das Memorias Económicas correspondentes aos exercicios 1999-2008, auditadas e aprobadas polos órganos de goberno, e a disposición da comunidade universitaria e a sociedade na web da USC. Inclúense tamén os datos correspondentes á liquidación provisoria do exercicio 2009, pendente de auditoría e aprobación.
Servizo Universitario de ResidenciasO Servizo Universitario de Residencias da USC (SUR) ofrecerá o vindeiro curso un total de 1110 prazas de aloxamento distribuídas nas súas residencias e colexios maiores, segundo aprobou o Consello de Goberno.
Do total das prazas ofertadas, 950 destinaranse a estudantes de grao e de 1º e 2º Ciclo; 110 a alumnos de 3º Ciclo, posgrao oficial, doutoramento e investigadores en formación;27 para membros da comunidade universitaria da USC discapacitados; 15 para estudantes de posgrao propios; e 8 para membros do PDI ou do PAS. Os prezos das habitacións oscilarán entre os 45 euros da máis barata ata o 286 da máis custosa.
Xunto coa convocatoria de prazas, aprobáronse tamén as bases das convocatorias de bolsas de comedor do SUR, de prazas para estudantes de mobilidade internacional e para membros da comunidade universitaria ou persoas que vaian participar nas actividades de verán, así como os prezos de aloxamento para visitantes e congresistas do vindeiro curso.
Outros asuntosNa mesma xuntanza, que continúa pola tarde, presentarase a venda da participación da USC na Sociedade Galeras Entrerríos SL, a convocatoria de prazas de promoción de titulares a catedráticos, a normativa de asistencia a clase, a axuda institucional ás campañas electorais de reitor/a e a creación dos centros de Investigación de Procesos e Prácticas Culturais Emerxentes (CIPPCE) e de Estudos Locais (CEL).
Inclúense tamén puntos relativos a competencias transversais informacionais, tribunais de prazas de PDI, a modificación do calendario de Programación Académica Anual para 2010-2011, a transformación de contratos de profesores colaboradores, a proposta de modificación da composición da CIAP, o complemento por mérito docente de 2009 e os complementos retributivos autonómicos.
Finalmente tamén se aborda unha modificación da RPT do PAS, a modificación dos regulamentos de réxime interno dos centros de investigación singulares, a convocatoria de axudas para o desenvolvemento de accións de mellora da docencia no marco da construción do EEES 2010 e a aprobación, modificación de plans de estudo e cambios de adscrición de centro de titulacións adaptadas ao EEES.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.03.2010.