O Consello de Goberno somete a aprobación a proposta de Orzamento de 2016
O Consello de Goberno da USC someterá a aprobación este xoves 17 a proposta de orzamentos da USC para 2016. Nunha sesión ordinaria, a xuntanza celebrarase no Colexio de San Xerome a partir das 9.30 horas. A orde do día tamén inclúe unha proposta de nomeamento de profesorado/investigador ad honorem, programas de xestión integrada de investigación, a modificación da RPT de PAS ou a adscrición de materias a áreas de coñecemento.
Na xuntanza tratarase tamén o Regulamento de tramitación das titulacións de grao e máster oficial, prazas de PDI, os criterios e calendario para a presentación de novas propostas de títulos oficiais e programas de doutoramento e modificacións dos existentes, a modificación do Grao en Lingua e Literatura Galegas ou a aprobación de memorias de cursos de posgrao propios.
Completarán a orde do día, a determinación de prezos públicos e retribución máxima de docentes para cursos de posgrao propios e formación continua do curso 2016-2017, a convocatoria de bolsas de comedor do SUR, a modificación do Regulamento Electoral Xeral da USC ou a creación das cátedras Cruz Roja Española e de Enfermidades Metabólicas Hereditarias, entre outros.