Ir o contido principal

O Consello de Goberno da USC aproba a Programación Plurianual 2015-2018 e os orzamentos para 2015

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago deu este mércores o seu visto bo á Programación Plurianual da institución para o período 2015-2018 e a un orzamento para 2015 de 167.937.410 miles de euros. Os dous documentos deberán agora someterse á aprobación do Consello Social da USC. A programación plurianual da USC para os vindeiros catro anos está determinada por dúas accións concretas como son o Plan especial de captación de estudantes para o Campus de Lugo e o obrigado Plan Económico-Financeiro de Reequilibrio. E aínda que isto limita as actuacións futuras da USC, o obxectivo da proposta é desenvolver, “do xeito máis eficaz e menos gravoso para a comunidade universitaria”, as accións necesarias para lograr un saneamento económico no tempo establecido, a renovación das estruturas existentes e o “crecemento controlado” da institución, segundo reza o documento. As liñas xerais estrutúranse en seis puntos, sinalando actuacións específicas relativas a edificios e instalacións de carácter xeral, investimentos en infraestruturas de docencia e de investigación, actuacións sobre os centros ou estudos, plans de investigación, comunidade universitaria e servizos xerais. Orzamentos Tras tres anos operando con prórrogas sucesivas do orzamento de 2011 e coa paralela aplicación do Plan de Financiamento do SUG para o período 2011-2015 –“ especialmente daniño para a nosa Universidade”, en opinión dos responsables actuais da institución–, a USC padece unha “grave situación económico‐financeira” que se traduce nun déficit orzamentario estrutural e nun resultado de tesourería moi desequilibrado. Como consecuencia disto, o novo orzamento aprobado debe executar as previsións do citado Plan Económico Financeiro de Reequilibrio –o segundo que a Universidade aproba en dez anos-, que responde a un déficit de 9 millóns de euros en 2013 e que condiciona de xeito determinante a política orzamentaria do exercicio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.12.2014.