Ir o contido principal

O Consello de Goberno da USC trata o límite de prazas nas titulacións de grao para o vindeiro curso

O Consello de Goberno da USC reúnese este venres 21 a partir das 9.30 horas (primeira convocatoria) en sesión ordinaria para tratar, entre outros temas, o límite de prazas nas titulacións de grao para o curso 2014-2015, a adaptación do regulamento electoral xeral da USC aos novos estatutos da Universidade compostelá ou o calendario académico para o vindeiro curso. Outros asuntos que analizará o Consello de Goberno serán o protocolo de validacións e recoñecementos, a normativa sobre recoñecemento de estudos realizados en réxime de intercambio, a prórroga de profesores ad honorem, prazas de profesorado ou a modificación do regulamento de réxime interno do CIQUS. Completan a orde do día a modificación do Programa de Atención ao Estudantado de Fóra da Unión Europea, a participación da USC no proxecto empresarial DART e os regulamentos de traballos fin de grao e de fin de máster de diversos títulos, entre outros asuntos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.02.2014.