O Consello de Goberno dá o visto bo ao convenio para colaborar na docencia clínica do grao en Medicina da USC
O Consello de Goberno deu esta mañá o seu visto bo ao convenio que regulará a colaboración na docencia clínica do grao en Medicina da USC e que asinarán na tarde deste luns os tres reitores galegos e os titulares das Consellarías de Sanidade e de Educación e de Ordenación Universitaria. Desenvólvese así o acordo de finais de abril no que se establecía que a partir deste curso o profesorado da UDC e de UVigo que imparte docencia en titulacións propias desas universidades en áreas de coñecemento relacionadas coa medicina poderá colaborar na docencia clínica do grao e que sitúa a responsabilidade académica do Grao en Medicina exclusivamente na USC, sendo os órganos de goberno e os departamentos da facultade compostelá os encargados da planificación e organización docente da titulación. O convenio que hoxe se aprobou establece os criterios e procedemento da colaboración do profesorado da UDC e UVigo, o réxime xurídico dese persoal, a forma de contratación, o recoñecemento curricular dos titores clínicos e a posibilidade de subrogación dos contratos dos PACS responsables de investigación ou de goberno nos Institutos de Investigación Biomédica da Coruña ou de Vigo. Campus Terra Na mesma sesión aprobouse ademais o convenio que regulará a colaboración entre a USC e a Consellaría de Cultura, Educación e Orde4nación Universitaria para o plan de actuación 2015-16 de Campus terra co que se pretende dotar ao Campus de Lugo dunha identidade científica propia que incremente a súa visibilidade e permita aproveitar todo o seu potencial para actuar como motor de cambio na súa contorna a nivel social, económica e territorial. Trátase de poñer en valor os recursos da terra e contribuír así ao desenvolvemento do medio rural e social galego a través da realización de actividades docentes, de servizos e de I+D+i que ofrezan solucións e dean respostas ás necesidades e retos aos que se enfrontan os sectores implicados: produción sostible de alimentos, seguridade alimentaria, sanidade animal e vexetal, recursos forestais, planificación do territorio, desenvolvemento rural e social, xestión do medio natural sostible, etc… Plan de viabilidade Na sesión extraordinaria de hoxe este órgano de goberno deu tamén a súa aprobación ás propostas dos plans de viabilidade dos graos en Filosofía, Filoloxía Clásica e Xeomática e Topografía que agora se remitirán á Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva.