Ir o contido principal

Consellos para rupturas amorosas na cuarta xornada do festival de teatro en Santiago

O XIV Festival Internacional de Teatro Universitario da USC continúa este venres 4 cun novo pase de ‘Pizcas’ e coa estrea de ‘No es tan fácil’. As propostas correrán a cargo de Teatro Dallas, grupo mexicano residente en Estados Unidos, e da Aula de Teatro da Universidade de Huelva, respectivamente.
Todo o mundo sabe que é difícil deixar o tabaco ou cambiar de compañía telefónica, pero romper coa parella pode supoñer un difícil desafío. Escrita por Paco Mir, a obra ‘No es tan fácil’ representarase ás 21:30 horas no Teatro Principal para aconsellar con humor sobre rupturas amorosas. Para iso, recórrese a un anónimo camareiro que actúa como conselleiro para dous homes que acoden ao seu bar a desafogar as penas.
Pola súa banda, ‘Pizcas’ é a peza que Teatro Dallas porá de novo en escena ás 19:30 horas na Sala de teatro Roberto Vidal Bolaño. Trátase dun monólogo, tenro e emotivo, sobre a realidade dunha moza que fai un flash-back á infancia lembrando a súa odisea nos campos de algodón de Texas. Teatro de denuncia sobre as terribles condicións de traballo dos mexicanos entre os anos 40 e finais do 60.
O argumento xira en torno a un home que, motivado pola desconfianza, se fai o morto para coñecer os auténticos sentimentos da súa dona sobre el. Será unha conversa entre a muller e uns amigos no seu ‘leito de morte’ a que lle confirme as súas crenzas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.04.2008.