Constatan por vez primeira a influencia do cambio climático na expansión de enfermidades causadas por Vibrio

Unha investigación liderada por científicos da USC e o Centre for Environment, Fisheries & Aquaculture Science (CEFAS) do Reino Unido pon de releve a influencia que o cambio climático ten sobre a incidencia e distribución de enfermidades de natureza bacteriana transmitidas pola auga. O traballo centrouse no ámbito xeográfico do Báltico, área na que se teñen rexistrado recentes episodios de infeccións bacterianas asociadas á especie do xénero Vibrio, favorecidas, entre outros factores, pola baixa salinidade presente nas augas. Diversas variantes de Vibrio son patóxenas e poden desencadear infeccións transmitidas polo alimentos, estando asociado a enfermidades do tracto dixestivo, en especial V. cholerae, axente causante do cólera, V. parahaemolyticus relacionado coa diarrea inflamatoria autolimitada ou V. vulnificus, que se transmite a través da inxesta de marisco ou a exposición directa de feridas á auga contaminada. Dos casos rexistrados, engaden os investigadores, as infeccións causadas por V. Vulnificus mostraban os maiores índices de mortalidade, aínda que casos asociados con V. Cholerae non epidémico e V. Parahaemolyticus tamén se identificaron na zona estudada durante o período de análise. No desenvolvemento desta liña de traballo, que acaba de publicar a revista Nature Climate Change, están implicados os doutores Joaquín Triñanes, do Laboratorio de Sistemas do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC, e Jaime Martínez-Urtaza, do Instituto de Acuicultura e actualmente membro do Centro Europeo de Prevención e Control de Enfermidades de Estocolmo. O traballo supón a primeira evidencia empírica de que o cambio climático está promovendo a expansión de enfermidades causadas por Vibrio, alcanzando zonas temperadas moi afastadas das áreas de endemicidade primitivas destes patóxenos humanos. Ademais, o traballo dos investigadores establece as bases para a creación dun sistema de monitorización operacional a escala global que permita definir de maneira precisa os riscos de infección de Vibrio. Sinalan os investigadores que un sistema destas características conxugaría datos procedentes de sensores remotos, así como variables climatolóxicas e estimacións de modelos.
Os autores do artigo, usando series de datos da temperatura superficial mariña que abarcan varias décadas, analizaron os patróns de quecemento no Báltico e a súa correspondencia co número de casos de infeccións de Vibrio rexistradas nos países da rexión. Os resultados permiten construír un modelo de risco que, proxectado cara o futuro baixo diferentes escenarios de quecemento, evidencia unha expansión cara o norte das zonas con índices máximos de risco. No Báltico, máis de 30 millóns de persoas viven dentro dunha franxa de 50 quilómetros de costa. As conclusións do estudo mostran que a zona costeira afectada incluiría a maioría dos grandes núcleos de poboación da rexión.