Ir o contido principal

Constituído o Observatorio do Código Ético da USC

Encargarase de difundir o documento e de avaliar o seu cumprimento

O Observatorio do Código Ético da USC constituíse este mércores en San Xerome, logo de que o pasado Consello de Goberno do mes de xuño tratase a proposta de nomeamento dos seus integrantes. O reitor compostelán Senén Barro presidiu a sesión constitutiva do Observatorio que se encargará de difundir o Código Ético tanto no seo da comunidade universitaria como fóra dela ademais de avaliar anualmente o seu cumprimento.
Intégrano nove representantes do Persoal Docente e Investigador, do Persoal de Administración e Servizos, do estudantado e do Consello Social. Deste xeito, á xuntanza constitutiva asistiron ademais Florencio Arce, que preside o Observatorio; os profesores Manuel Segura Ortega, Luis García Soto, Patricia Fernández de Troconiz, Mª Jesús Sáinz e Isabel Fraga Vila; o responsable da Oficina de Xestión do Servizo de Prevención de Riscos, Xan Mariñas Liste; a representante dos Estudantes no Consello Social, Inmaculada García Escourido; e Enrique Feáns García, representando ao Consello Social.
Para a súa elección tivéronse en conta criterios de paridade, representación das grandes áreas científicas e dos dous campus, sendo designados polo reitor oído o Consello de Goberno. Permanecerán vinculados ao Observatorio por un período de catro anos, debendo ser renovado cando menos un terzo dos seus membros cada dous anos.
Código ÉticoO Código Ético da USC reúne un conxunto de principios, valores e normas referidos á actividade interna e á acción social da universidade, que expresan padróns éticos de actuación aptos para servir como pautas reguladoras da práctica individual e colectiva.
A adopción deste documento sirve á USC como carta de presentación perante a sociedade, mostrando o sentido e as liñas xerais da actividade e a acción da universidade, así como concluír un triplo compromiso ético, da universidade coa sociedade, da universidade co persoal universitario e entre o persoal universitario, no relativo aos obxectivos e procedementos asumidos pola institución académica. Finalmente, o documento permite ofrecer á comunidade universitaria unha guía de actuación que sintetice e exprese en termos éticos o cadro regulamentario e legal vixente e que inspire e estimule o seu desenvolvemento.
Tal e como se recolle no seu texto articulado, “a forza obrigante do código reside no compromiso adquirido, de modo expreso e formal pola comunidade universitaria e, de modo implícito e en consciencia, polos seus membros que o asumen como referencia orientadora da súa conduta”. Neste senso, é aplicado “ás persoas e polas persoas que compoñen a USC: a propia universidade, xunto cos seus órganos e agrupacións, como persoas colectivas, e os distintos integrantes do persoal universitario, como persoas individuais”.
O Código articúlase nunha serie de epígrafes nos que se afonda na organización, actividade interna, funcionamento e acción social da Universidade; no exercicio das funcións, boas prácticas, dedicación ao traballo e condutas reprobables do persoal universitario, entre outros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.07.2009.