Ir o contido principal

Constituíuse en Santiago a agrupación estratéxica de Campus Vida da USC, Campus de Excelencia Internacional

Foto de grupo dos participantes no acto de constitución da Agrupación Estratéxica de Campus Vida, de esquerda á dereita, José Díez de Castro, Carmen Trasar (diante),  Manuel Puga Pereira, Amparo...
Foto de grupo dos participantes no acto de constitución da Agrupación Estratéxica de Campus Vida, de esquerda á dereita, José Díez de Castro, Carmen Trasar (diante), Manuel Puga Pereira, Amparo...
A iniciativa situará á USC como referencia no ámbito das Ciencias e as Tecnoloxías da Vida

A Agrupación Estratéxica de Campus Vida quedou constituída este xoves na xuntanza que presidiu no Edificio Emprendia o reitor Senén Barro, para quen esta iniciativa situará á USC como un campus de referencia internacional no ámbito das Ciencias e as Tecnoloxías da Vida. “A cualificación de Campus de Excelencia Internacional vén ratificar o modelo que dende hai anos esta universidade impulsa”, afirmou.
Á xuntanza acudiron representantes da gran maioría das entidades e empresas que conforman esta Agrupación Estratéxica, que son, xunto coa USC, a Xunta de Galicia, o Concello e o Consorcio de Santiago, o CHUS, o CSIC, o CIEMAT, o Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago, o Centro de Supercomputación de Galicia, o Parc Científic de Barcelona, a Fundación Empresa Universidade, a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e as empresas Laboratorios Esteve, Advancell, Nanogap, Neoker, Keramat, Mestre Lab, Galchimia, Inditex, Zeltia, Almirall, Faes Farma e Banco Santander.
“Estamos falando dun proxecto tanxible que cambiará substancialmente a forma e fondo do campus mediante a creación de emprego, mellora do urbanismo e das infraestruturas e tamén dun proxecto intanxible que promoverá o coñecemento científico e a xeración e captación de talento”, destacou o reitor na presentación do proxecto.
ObxectivosCo horizonte en 2015 e con máximos na internacionalización, na innovación en Ciencias da Vida, no crecemento económico e na mellora da calidade de vida, Campus Vida pretende, como explicou Barro aos asistentes, promover a mellora docente de xeito que a taxa de eficiencia académica da USC pase do 60% actual ao 75% en 2015, ademais de internacionalizar a oferta educativa da USC e atraer talento mediante a mobilidade e así incrementar a masa crítica de investigadores.
No que respecta á investigación, prevese proxectar e internacionalizar a Rede de Centros Singulares de Investigación e posicionar Campus Vida como un dos mellores bioclusters. Para iso, en quince anos triplicarase o número de investigadores adscritos aos Centros Singulares e incrementaranse de maneira importante as alianzas estratéxicas con centros de referencia internacional.
Xa no que respecta á implicación social da Universidade, no seu contorno económico Campus Vida incrementará do 30 ao 50% o seu financiamento privado en I+D. No mesmo senso, as previsións apuntan a que en quince anos as empresas de base tecnolóxicas creadas no seno desta iniciativa teñan un valor de 100 millóns de euros.
2010, unha realidadePero aínda co horizonte en 2015, campus Vida está xa a ser unha realidade. De feito, no ámbito da internacionalización neste ano poranse en marcha a Escola de Doutoramento e Posgrao Internacional e novos programas de prácticas profesionais en empresas europeas e acordos internacionais para favorecer a mobilidade.
Ademais, dous dos Centros Singulares de Investigación, o de Química Biolóxica e Materiais Moleculares e o de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas, comezarán a funcionar no segundo trimestre e no segundo semestre do ano, respectivamente. Tamén poranse en funcionamento as Unidades de Proxección Internacional e de Valorización no ámbito biofarmed.
En materia de transferencia deseñarase o programa de valorización e do fondo de capital pre-semente e porase en marcha unha unidade especializada de xestión de patentes na área biofarmed (biolóxica, farmacéutica e médica).
Comité de direcciónNesta primeira reunión decidiuse ademais quen formará parte do comité de dirección da agrupación estratéxica constituída, que deberá validar a planificación das accións anuais, promover e propor novas estratexias, establecer o marco de indicadores de seguimento e fomentar a interacción económico-social de Campus Vida co entorno.
Este comité estará presidido polo reitor compostelán e forman ademais parte del catro representantes da USC das áreas da investigación, docencia, infraestruturas e estudantado; e un da Xunta de Galicia, do Concello de Santiago, do CHUS, outro do CSIC en nome dos socios científicos e un último das empresas, que nesta primeira andaina lle corresponde a Advancell.
Asistentes á xuntanzaÁ cita no Edificio Emprendia acudiron, ademais do reitor, o alcalde Xosé Sánchez Bugallo; o secretario xeral de Universidades, José Díez de Castro; o secretario xeral da Consellaría de Sanidade, Roberto Pérez; o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga; o xerente do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva; o director do Cesga, Javier García Tobío; a xerenta do CHUS, Rosa Bermejo; o subdirector do Feuga, Santiago Álvarez; a directora do Instituto Agrobiolóxico do CSIC, Carmen Trasar; o presidente da Fundación de Medicina Xenómica, Ángel Carracedo; a vicesecretaria xeral do Ciemat, Amparo Espartero; os representantes das empresas Galchimia, Advancell e mestrelab, Jacobo Cruces, Ana Vila e Javier Sardina, respectivamente; e membros do equipo de goberno da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.02.2010.