O consumo de alcol vese incrementado nun 70% durante as fins de semana

O consumo medio de alcol en todo o territorio español ao ano é de 5,7 litros de etanol puro por cada habitante maior de 15 anos. Esta é unha das conclusións á que acaba de chegar a Rede Española de Análises de Augas Residuais con Fines Epidemiolóxicos (ESAR-Net), coordinada pola USC, logo de analizar as augas residuais de dezasete depuradoras, correspondentes a trece cidades españolas, o que abarca algo máis de seis millóns de habitantes.
O artigo que vén de ser publicado na revista Drug and Alcohol Dependence, conclúe que o aumento no consumo de alcol durante a fin de semana é de aproximadamente un 70% máis ca durante os días laborais; así como que a inxesta por habitante resulta ser maior nas cidades grandes ca nas pequenas. O consumo de alcol en Galicia, representado no estudo a través de Santiago de Compostela, está por debaixo da media, aínda que é estatisticamente equivalente á maioría das comunidades autónomas investigadas.
Consumo de tabaco
A rede tamén ten abordado o consumo de tabaco, extrapolando un consumo medio diario de 2,2 mg de nicotina, o que equivalería a 2,8 cigarros por persoa e día. “Neste caso non existe diferenza apreciable entre o consumo durante a semana e fin de semana, o cal está relacionado con ser o tabaco unha substancia menos ligada a actividades recreativas”, explica o coordinador da rede José Benito Quintana do Instituto de Investigación en Análises Químicas e Biolóxicas (IAQBUS) da USC. A nivel rexional o consumo máis baixo correspondeu a Galicia e o máis alto a Cataluña e Euskadi.
Exposición a contaminantes químicas
A rede tamén ten abordado os metabolitos dos ftalatos, substancias empregadas como plastificantes e de gran controversia polos seus posibles efectos para a saúde humana, entre os que destacan alteracións do desenvolvemento e reprodutivas, co obxectivo de medir a exposición ás mesmas. Comparáronse os valores extrapolados a partir das augas residuais, cos valores de referencia establecidos coma seguros pola Axencia Medioambiental Americana de Estados Unidos (EPA) e da Axencia Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA). Esta comparación amosa que no caso do dibutil ftalato podería haber un risco para a saúde dos menores ata 2 anos en máis do 50% das localidades estudadas.
Canle de detección rápida e anónima
A rede ESAR-Net está financiado pola Axencia Estatal de Investigación e nela participan seis institucións españolas, aínda que na mostraxe citada participaron máis de dez, ademais de contar coa colaboración de diferentes entidades, coma por exemplo o Plan Nacional Sobre Drogas. ESAR-Net ten por obxectivo divulgar e promover a colaboración nacional no ámbito da análise de augas residuais con fins epidemiolóxicos. Esta metodoloxía permite, entre outros achados, coñecer o consumo de drogas e substancias de abuso de curso legal de forma rápida e anónima.
“Cando se compararon os datos derivados das augas residuais coas enquisas do Plan Nacional Sobre Drogas non se obtivo unha boa concordancia entre os tres indicadores. Isto apunta a que a análise de augas residuais podería ser un bo indicador para complementar os resultados das enquisas tanto para alcol coma para tabaco”, engade José Benito Quintana.