Ir o contido principal

Continúa aberta a inscrición para participar no XIII Foro dos Recursos Mariños

A desenvolver os próximos 7 e 8 de outubro na Illa de A Toxa

A innovación sostible en piscifactorías, a trazabilidade dos recursos do marisqueo, as certificacións ecolóxicas para a acuicultura e a pesca e o turismo mariñeiro serán algúns dos temas do XIII Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas que se celebrará os próximos 7 e 8 de outubro na Illa de A Toxa. O principal obxectivo do foro, organizado pola Asociación Cultural Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas, é actualizar o coñecemento do estado dos recursos mariños e da acuicultura en Galicia e no resto de España, favorecendo o contacto entre centros de investigación, empresas e institucións públicas, tanto nacionais como internacionais. Cada ano participan neste encontro máis de 250 persoas de toda España, de países da Unión Europea e de Latinoamérica, xunto con representantes das principais potencias en pesca e acuicultura. Actividades Este décimo terceiro foro comprende cinco mesas de traballo acerca do marisqueo e pesca de baixura, da acuicultura, da empresa e recursos, da calidade do produto e da biotecnoloxía, ademais de tres conferencias maxistrais dedicadas a resaltar os logros e actividades en recursos mariños e acuicultura. Entregarase tamén o Premio ao Mellor Panel para traballos inéditos de investigación. Inscricións As persoas interesadas poden inscribirse na páxina web do congreso, existindo importantes descontos nas taxas para os que o fagan antes do 12 de setembro. Ademais, haberá créditos de libre configuración para a Licenciaturas en Bioloxía, Económicas e Empresariais, Farmacia e Veterinaria da USC; Ciencias do Mar e Bioloxía da UVigo e Bioloxía e Química para a Universidade herculina.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.09.2010.