Continúa aberto o prazo de matrícula para participar no programa ‘Sons Creativos’ de Lugo
A Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua, a través da Área de Cultura no Campus de Lugo informa de que ata o luns día 7 continúa aberto o prazo de matrícula para participar na cuarta edición do encontro ‘Sons Creativos’, que organiza o Grupo de Creación Musical da USC (GCMUS), dirixido por Inmaculada Cárdenas, os días 11 e 12 de maio na Casa do Saber. Este ano o certame está dedicado ao compositor José Luis Carles Arribas, recoñecido investigador en temas de percepción sonora, análise cualitativa do medio ambiente sonoro e interacción entre estímulos visuais e auditivos. Relatorios, mesas redondas, concertos, obradoiros, instalacións sonoras e performances configuran un amplo programa integrado baixo o título común ‘ Música e natureza’, temática que servirá como fío condutor de todas as actividades. Este encontro enmárcase dentro da oferta do programa Lugo Cultural para o ano 2012, que organizan conxuntamente a USC, a Deputación e o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia.