Continúa en Lugo o ciclo de concertos Músicas a carón da Mosqueira coa actuación do cuarteto de corda Gerhard

O ciclo de concertos clásicos Músicas a carón da Mosqueira 2012, organizado conxuntamente pola USC e a Deputación e o Concello de Lugo, presenta o martes 20 a súa terceira cita, logo dos concertos de xaneiro e febreiro. Nesta ocasión o recital corre a cargo do cuarteto de corda Gerhard, formación nacida en 2010 e que malia a súa curta traxectoria xa actuou en numerosas salas nacionais e internacionais. Neste tempo, o cuarteto Gerhard recibiu tamén varios premios de relevancia no ámbito da música de cámara, entre eles o Premio INJUVE de Música Clásica. A agrupación musical, formada por dous violíns (Lluís Castán e Judit Bardolet), viola (Miquel Jordà) e violoncello (Jesús Miralles) interpretará obras de Haydn, Janacek e Beethoven. Este concerto, como todos os do ciclo, celebrarase a partir das 20.00 horas no auditorio da Casa do Saber, e a entrada será de balde ata completar a capacidade da sala. A cita, que forma parte do programa Lugo Cultural, conta nesta ocasión coa colaboración da Asociación de Intérpretes e Executantes (AIE), no seu apartado Clásicos en Ruta. Músicas a carón da Mosqueira continúa durante os meses de abril e maio con dous concertos máis, ata completar os cinco recitais que conforman o programa desta edición.