Ir o contido principal

Continúa en Lugo o ciclo de concertos Unijazz coa actuación de Carme Canela & Joan Monné

Carme Canela, unha dos membros do dúo Carme Canela & Joan Monné, que actúa o día 12 en Lugo dentro do ciclo de concertos Unijazz 2012
Carme Canela, unha dos membros do dúo Carme Canela & Joan Monné, que actúa o día 12 en Lugo dentro do ciclo de concertos Unijazz 2012
O dúo de voz e piano actúa o luns 12 ás 20.00 horas na Casa do Saber presentando o seu último traballo,

A primeira edición do ciclo de concertos Unijazz, organizado pola Universidade de Santiago en colaboración coa Deputación e o Concello de Lugo, chega o luns 12 ao seu ecuador coa actuación do dúo que conforman Carme Canela (voz) e Joan Monné (piano). O recital, que terá lugar ás 20.00 horas na Casa do Saber, servirá para a presentación do último traballo desta formación musical, Nome de muller. Logo de varios anos desenvolvendo por separado distintos proxectos, Carme e Canela e Joan Monné volven reencontrarse para a presentación desta nova proposta musical, cuxo repertorio se constrúe a partir de cancións rescatadas de distintas épocas, lugares e estilos, co nexo en común da muller como elemento central. Julia dos Beatles, Ana Maria de Wayne Shorter, Pannonica de Thelonious Monk ou Marta de Joan Manuel Serrat son algúns dos temas elixidos para conformar este espectáculo de homenaxe á figura feminina. O estilo do dúo móvese entre a música brasileira e o songbook estadounidense, pasando polos clásicos do pop, o rock e a canción de autor, nunha proposta ecléctica e variada que ten no jazz o seu punto de encontro. O ciclo de concertos Unijazz 2012, que se inscribe dentro do programa Músicas a Carón da Mosqueira, péchase o luns 23 de abril coa actuación de Abe Rábade Trío. En todos os concertos do ciclo a entrada é gratuíta ata completar a capacidade da sala.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.03.2012.