Continúa en Lugo o ciclo de encontros ‘Na encrucillada’ sobre a crise coa charla-coloquio do maxistrado Luís Villares
A iniciativa ‘Na encrucillada. Universidade en debate’, posta en marcha por diversos colectivos de docentes, investigadores e persoal de servizos da USC no Campus de Lugo, presenta o xoves 22 a súa segunda proposta, unha charla-coloquio a cargo de Luís Villares, maxistrado lucense que desenvolve a súa actividade no Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco. A cita será no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado a partir das 19.00 horas. O decano do centro, Francisco Rodríguez Lestegás, presentará o acto. Como todas as citas que compoñen este ciclo, a charla de Luís Villares, que leva por título ‘A crise da xustiza e a xustiza da crise’ está aberta á participación de todos aqueles que o desexen asistir ou facer as súas achegas no coloquio posterior. O ciclo comezou o xoves 15 coa intervención do catedrático de Economía Aplicada da USC Xavier Vence, que falou sobre o fracaso das políticas neoliberais. Este primeiro encontro conseguiu ateigar o salón de actos da Escola Politécnica Superior, onde se celebrou, “malia tratarse dunha iniciativa na que todas as actividades se desenvolven a custo cero”, segundo destacan os seus organizadores. ‘Na encrucillada’ ten previsto organizar para o mes de abril dúas mesas redondas, centradas na situación na USC e no papel dos medios de comunicación na situación económica actual, respectivamente.