Ir o contido principal

Continúa en Lugo o ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ co concerto da violonchelista Cristina Nogueira Pérez

A violonchelista Cristina Nogueira actúa o martes 8 na Casa do Saber de Lugo, dentro do ciclo 'Músicas a carón da mosqueira'
A violonchelista Cristina Nogueira actúa o martes 8 na Casa do Saber de Lugo, dentro do ciclo 'Músicas a carón da mosqueira'
A intérprete lucense presenta un repertorio que inclúe obras de Bach, Cassadó e García-Picos

A violonchelista lucense Cristina Nogueira Pérez será a protagonista da próxima cita do ciclo de concertos clásicos ‘Músicas a carón da Mosqueira’ que se desenvolve na capital lucense desde o pasado mes de xaneiro. O concerto será o martes 8 ás 20.00 horas na Casa do Saber. Cristina Nogueira rematou en 2006 a carreira de violonchelo no Conservatorio Superior de Música de Vigo coa cualificación de matrícula de honra, e desde entón participou en formacións como a Xove Orquestra de Galicia, a Camerata Lucense, a Camerata Viguesa, a Orquestra Clásica de Vigo, a Banda Filharmónica de Galicia ou a Orquestra Filharmónica de Pontevedra, da que forma parte actualmente. Ademais, a violonchelista traballou como profesora nas escolas municipais de música de Sarria e O Porriño e nos conservatorios do Barco de Valdeorras, Santiago, Pontevedra, A Coruña e Vigo, ademais de colaborar na gravación de discos de diferentes artistas galegos: Iván y Josito, David Taboada, Fuxan os ventos, Humanoid... A actuación de Cristina Nogueira consta de dúas partes, na primeira das cales interpretará a obra de Bach ‘Suite número 5 para violonchelo só en Dom’, mentres a parte final alterna a ‘Suite para violonchelo só’ de Gaspar Cassadó e ‘Interferencias 3 para violonchelo só’ do músico betanceiro Carlos López García-Picos. ‘Músicas a carón da Mosqueira’ forma parte das actividades do programa Lugo Cultural 2012, organizado conxuntamente pola USC, o Concello e a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.05.2012.